Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Centro de Coñecemento da Costa da Morte abrirá as súas portas en xuño

O Centro de Coñecemento da Costa da Morte abrirá as súas portas en xuño

Foi presentado esta mañá de martes 29 de marzo no Club Financeiro da Coruña o novo proxecto do Centro de Coñecemento (c3M), artellado pola Asociación Neria co apoio da Deputación da Coruña.
O C3M situarase en Cee terá como obxectivos achegar aos cidadáns o mundo da tecnoloxía, conectar a empresarios e emprendedores para proporcionar formación e exercer de viveiro de empresas.

A iniciativa, "pioneira en Galicia", supón un investimento de 1,2 millóns de euros, achegados a través do Plan Avanza do Ministerio de Industria. A sede de c3M está sendo obxecto dunha profunda remodelación. As instalacións serán inauguradas a principios do próximo mes de xuño, malia que dende a propia directiva falara de maio como posible data de finalización.

Xan García será o Director Xerente

Un centro "pioneiro" destas características ten que contar cos mellores especialistas na materia. E quen mellor que o secretario da Neria Xan García para ser o director-xerente de c3M.

Xan García resaltou que "a Costa Morte está ante un gran reto e, conscientes diso, debemos realizar unha xestión do centro que propicie a implicación da sociedade. Queremos que c3M sexa un revulsivo para que a Costa da Morte deixe de ser a periferia da periferia para converterse no centro do noso mundo facendo uso das novas tecnoloxías. Debemos liderar a incorporación da Costa da Morte á sociedade do coñecemento porque está claro que non podemos ser líderes de nada nin prosperar vendendo zapatillas, senón que debemos utilizar o coñecemento para ás súas vez crear coñecemento".

Pola súa banda o director xeral de Netbiblo, que é o responsable da confección do proxecto que obtivo o apoio do ministerio para c3M, insistiu en que o centro será xestionado coma se dunha empresa se tratase, coa perspectiva de que a subvención non sexa o motor da actividade e da súa existencia, senón que a entidade "sexa xeradora de proxectos rendibles que teñan retorno económico".
Igrexas explicou que c3M terá 4 vías de financiamento: proxectos en concorrencia competitiva en convocatorias autonómicas, estatais, europeas e iberoamericanas; convenios con organismos públicos e empresas; acordos con empresas para desenvolver iniciativas aplicando modelos de cogestión; e un portafolio de servizos baseados en innovación para apoiar iniciativas emprendedoras.

Presentes no acto

Ao acto asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o subdelegado do Goberno de España en Galicia, José Manuel Pouse Mesura; a secretaria territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ana Casas González; o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial, e os impulsores do proxecto, Ramón Vigo Sambade, presidente da Asociación Neria; Xan García Pouso, director-xerente de c3M e Carlos Igrexas, director xeral da editorial Netbiblo e responsable da elaboración do proxecto.

Tamén estiveron presentes representantes dos dezasete concellos integrantes da Asociación Neria, todos eles das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte. As que non estiveron foron as empresas do sector afincadas na Costa da Morte, coas que a Neria non contactou a día de hoxe.

Dende QPC, lamentamos a falta de información por parte da entidade supramunicipal. I é que o primeiro diario dixital da Costa da Morte, grande dinamizador do mundo TIC na bisbarra, non recibe as notas de prensa da Neria a pesar das continuas peticións.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Deputación.

Comentarios