Martes. 16.04.2024
El tiempo

O presidente da Deputación destaca a singularidade turística de Fisterra durante a súa visita á Costa da Morte

O presidente da Deputación destaca a singularidade turística de Fisterra durante a súa visita á Costa da Morte
deputacion-aspadex-cee Durante a súa visita a Costa da Morte, o presidente da Deputación achegouse ata os centros de Aspadex (na imaxe) e Apem de Cee Onte houbo visita institucional á Costa da Morte. Fistera e os centros de Aspadex e Apem de Cee foron os lugares elixidos polo presidente da Deputación da Coruña - Valentín González Formoso -.  Na súa parada no concello fisterrán, o mandatario da organización provincial foi recibido polo alcalde - José Marcote - e outros membros do goberno municipal. O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Vías e Obras - José Manuel Pequeño - participou nunha reunión na Casa Consistorial na que analizaron co alcalde as diferentes liñas de colaboración existentes entre ambas institucións e os retos de futuro do municipio nos que podería colaborar a Deputación da Coruña. O alcalde destacou a “singularidade” do concello de Fisterra, “que conta cunha poboación inferior aos 5.000 habitantes, pero que recibe unha afluencia constante de turistas e peregrinos”, o que ocasiona que o concello teña que facer un “esforzo importante” para manter e mellorar servizos como a xestión de residuos, o saneamento e manter unhas infraestruturas axeitadas. Neste sentido, o rexedor fisterrán apuntou que o seu goberno traballa actualmente no PXOM - polo que se leva esperando 17 anos -  e nun plan estratéxico de turismo, que entenden “fundamental para o futuro do concello”. deputacion-visita-fisterra José Marcote e José Manuel Pequeño mantiveron onte un encontro en Fisterra co presidente da Deputación da Coruña Marcote recoñeceu que “o novo Plan Único resulta un instrumento moi útil” para un concello como o seu, xa que ademais do histórico investimento que supón, “ofrece liberdade aos gobernos municipais para decidir en que invisten os fondos” e permite “unha mellor planificación”. Formoso apuntou que o Plan Único achegará ao concello de Fisterra 927.000 euros no bienio 2017-2018, e que será o goberno local presidido por Marcote o que decida cales son as prioridades dos veciños para investir estes fondos. Valentín González Formoso recoñeceu tamén a “singularidade de Fisterra” coma un destino turístico “de referencia” e afirmou que “xunto coa Catedral de Santiago, o faro de Fisterra representa o outro final das rutas xacobeas, nun lugar emblemático onde os romanos situaron a fin do mundo”. O presidente provincial comprometeu o apoio da Deputación as iniciativas que “contribúan a poñer en valor as potencialidades de Fisterra como destino e, ao mesmo tempo, a necesaria mellora das infraestruturas para atender ao crecemento da poboación, especialmente na época estival”. Visita a Aspadex e Apem Antes da súa visita a Fisterra, o presidente da Deputación recalou en Cee, onde visitou as sedes de Aspadex e Apem de Cee, para coñecer o traballo que realizan ambas asociacións para a integración social e laboral e a asistencia a persoas con discapacidade intelectual e enfermidades mentais. En Aspadex, acompañado do presidente da entidade Evaristo Rodríguez e da directora do centro, Concha Seoane, Formoso interesouse polos diferentes servizos que alí se ofrecen e dos que se benefician 85 persoas dos concellos da comarca. Centro ocupacional, centro de día, centro especial de emprego e talleres de diferentes temáticas son algúns dos servizos cos que conta este centro. O presidente visitou tamén a sede de Apem en Cee, que conta cun centro de rehabilitación e unha unidade residencial con 25 usuarios. O presidente destacou a importante labor social que realiza a asociación, a través da súa labor asistencial e dos programas de rehabilitación psico-social e laboral, e coa que a área de Servizos Sociais da Deputación colabora habitualmente para para a realización de diferentes accións e o mantemento dos seus centros de A Coruña, Culleredo, Betanzos, Carballo,Vimianzo e Cee. Novas relacionadas Fonte

Comentarios