“Os Concellos estamos atados para loitar contra a avespa velutina”
”Cada vez hai máis niños, e a xente a quen apreta é aos concellos. E nós non temos medios nin xente para eliminar todos os niños que hai en Zas. Un Concello non pode andar quitando niños cun pau”. Fala Óscar Lema, teniente alcalde de Zas, que sabe moi ben do que fala. “Dende a Xunta dannos algúns equipos pero o que nos fai falta é xente. Ademais pola Lei de contención de gasto non podemos contratar máis persoal, se non o faríamos. Pero nos concellos pequenos que non tiñamos Grumir, Protección Civil está formada a base de voluntarios, e aos voluntarios non se lles pode esixir nada”.
El mesmo é o presidente da Agrupación de Prot. Civil, e sabe o que é erguerse as 3 da mañá para cortar unha árbore que caeu e cousas semellantes. “Concello como Zas estamos nunha situación moi precaria, e a Xunta debería darnos solucións, porque ao final os concellos somos os que estamos ao carón da xente e a xente esíxenos a nós”.
E dá varias opcións á Xunta para armar aos concellos na loita contra a velutina. “Non vale só con que nos dean equipos. Poderían prepararnos, como mínimo, para poder ter xente cun mínimo de coñecemento. Ou se nos desen algunhas partidas para pagar a alguén e manter profesionalidade Protección Civil, xa poderíamos facer ese traballo”.
De feito, é Protección Civil o que está sacando as castañas do lume (máis ben os niños das polas) á Xunta. Pero os Voluntarios, claro, voluntarios, están algo cansos de escoitar as queixas dos veciños. Ademais de facer ese traballo sen cobrar un peso, por facerlle un favor aos Concellos e aos propios veciños, aínda teñen que aguantar as malas palabras dalgúns que desafogan cos únicos que dan a cara.
Por exemplo, por Cee, os voluntarios de Prot. Civil xa levan este ano arredor dos 80 niños, e aínda quedan outros 20 pendentes para completar a centena. Cada día poden chegar 3 ou 4 avisos novos, e moitos ademais a gran altura, un traballo que si que se presumen imposibles para estes corpos co risco que supón.
En todo caso, o procedemento segue a ser o mesmo. Se vés un niño tes que avisar ao 012, que chama a Tragsa ou ao propio Concello. Primeiramente o Concello invita a Prot. Civil a solventar o problema, pero se non pode o procedemento pasa a Tragsatec, e aí a espera pode ser variable.
Mentres, as avespas continúan a súa invasión sorteando as indefensas trampas e mesmo facendo estragos nas froiteiras da zona. Unha plaga que se nos está indo das mans.
Avespa Velutina comenzo nas mazás en Cee-Foto-Dani Trillo Niño de Avespa Velutina-Foto-Juanma TrilloNovas relacionadas
- Agosto 2017: Santa Comba recibe un novo traxe para loitar contra a avespa velutina.
- Maio 2017: Santa Comba aposta polas trampas contra a avespa velutina.
- Marzo 2017: Carballo probou a innovadora trampa de Ernesto Astis para a avespa velutina.
- Xaneiro 2017: Un Modesto repaso aos costumes avespa velutina.
- Xullo 2016: Cee contra as avespas e abellas.
- Outubro 2015: Avespa velutina: Aprendendo a convivir co inimigo.
- Agosto 2015: Outro verán de avespa asiática na Costa da Morte.
- Agosto 14: A avespa asiática chega a Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).