Os Relatos da Fundación (IV): "Veña que ti podes"

07:55 11/08/18
Depois de repasar os debuxos premiados do Concurso da Fundación Fernando Blanco, imos agora recollendo os relatos premiados no VI Concurso de Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco.
Hoxe toca o 3º Premio Categoría B (ESO) do VI Concurso Relatos: "Veña que ti podes!" de Carlota Atán Areas do CPR Manuela Rial de Cee.
Carlota Atán Ares
Mamadú é un neno de oito anos. Os seus grandes ollos negros semellan dúas pedras de acibeche que, xunto cos seus perlados dentes, fan da súa faciana unha verdadeira obra de arte propia dun ourive dos daquela vez. Ten o seu cabelo todo encaracolado e encerellado de tal maneira que non hai peite que sexa capaz de facerse un oco na súa cabeza.
Unha tarde de verán, alá polo serán, cando o sol aínda non se deitara a durmir, estaba Mamadú dando conta duns saborosos amorodos. Sentando na porta da súa casa non sabía que facer co seu aburrimento. Xa probara a facer de todo canto hai na viña do Señor máis nada, alí seguía preso do seu fastío.
De súpeto comezou a escoitar unhas voces e unhas gargalladas que viñan non de moi lonxe. A súa curiosidade e o seu desexo de enredar era tal que non sabía que facer para que alguén se decatase da súa presenza.
Colleu o seu tiracoios e colocou suavemente unha das moitas pedriñas que tiña no peto nas tiras elásticas do seu aparello. Empurrou con todas as súas forzas e lanzou a súa pedriña cara a leira da señora Lola, pois pola proximidade dos berros a foliada estaba alí. Esperou un anaco e colleu unha segunda pedra para que seguise o roteiro da primeira. Pouco a pouco o seu peto quedando baleiro de munición, máis os seus balotes non acadaron resposta algunha.
Xa se daba por vencido cando fixou os seus ollos naquel outro aparello co que seu irmán pasaba tardes enteiras facendo sucos na terra coma se quixese sementar patacas de Coristanco.
Estarricou as súas mans tanto como puido. Tanto, tanto .... que semellaba que estaba a xogar a tirar da corda. Nada máis aló da súa imaxinación!.
Alentou profundamente e colleu un último impulso. - Imos Mamadú, xa falta pouco!.
Coma unha aguia cando pousa as súas poutas na súa presa, agarrou unha buxaina do seu irmán. Colleu aquel pequeno xoguete de madeira e pensou que se o facía bailar o suficientemente alto poderían ollalo aqueles que seguían a troulear na leira veciña. Enrolou o cordel na buxaina e case sen que se dera conta comezou a bailar tan alto que axiña desapareceu da súa vista.
Un intre despois fíxose o silencio. Aquela algarada pareceu enmudecer de súpeto.
Mamadú levantou a súa mirada e non daba creto ao que estaban a observar os seus grandes ollos negros. Tras a cancela asomaban sete raparigas tan altas e esveltas como se fosen unha manada de xirafas.
- Isto é teu?. Preguntou Maruxa sen deixar de mirar aquel cabelo todo encaracolado.
- Si, é meu. Contestou Mamadú. E que facedes ergueitas neses paus?.
- Estamos a xogas aos zancos. Fixémolos nós. Colles unhas varas moi altas e una anaco de corda para suxeitar os pés. Dende aquí enriba podes ver cousas maravillosas. Xogamos a ver quen aguanta máis
tempo sen caer ao chan.
- Mágoa que eu non poida xogar.
- Eu son Maruxa. E ti, como te chamas?.
- O meu nome é Mamadú.
- Queres xogar con nós?.
- Pero non vedes como estou?. Sentado nunha cadeira de rodas non
sei como podería xogar.
- A Maruxa non hai nada que se lle resista!.
Mamadú non saía do seu asombro ao ver como Maruxa, xunto coa axuda das outras raparigas, levantábano da súa cadeira de rodas e amarrábanlle os seus pequenos pés naqueles zancos de madeira.
- Non temas Mamadú!. Adiante un pé primeiro e depois o outro. Vai amodiño que nós te suxeitamos. Veña que ti podes!.
- Non o podo crer!. Meu Deus! Estou a camiñar outra vez!.
Mamadú nunca esquecerá aquela tarde. Grazas á teima de Maruxa volvera a percibir o que se sinte ao ter o seu corpo ergueito. Dende que fuxiran de Sierra Leoa a súa única compañeira de viaxe era aquela cadeira de rodas. A súa incapacidade para mover as súas pernas foi o único legado que trouxeran daquela maldita guerra.
Pero dende aquela tarde xa tiña un novo aparello co que volver debuxar un sorriso nos seus beizos e quen sabe ... ata podería ver de novo a súa África natal dende as alturas!.
”Veña que ti podes”, de Carlota Atán Ares

Debuxos e Relatos Premiados 2018
- Os Relatos da Fundación (III): “As viaxes de Balbina”.
- Os Relatos da Fundación (II): “Un peón moi especial”.
- Os Relatos da Fundación (I): “Cheira a fresquío”.
- Os debuxos da Fundación (II).
- Os debuxos da Fundación (I):
Gañadores dos Premios Fernando Blanco 2017
- Os Relatos da Fundación: Renacer
- Os Relatos da Fundación: Quero ser mariñeiro.
- Os Relatos da Fundación: O Corazón do Mar.
- Os Relatos da Fundación: O paseo de Xoana pola Costa da Morte.
- Os Relatos da Fundación: Explorando a Costa da Morte.
- Os Relatos da Fundación: A perdición galega.
- Os Debuxos da Fundación (II).
- Os Debuxos da Fundación.
- A Fundación Fernando Blanco de Cee entrega os premios do IV concurso de Debuxo e do V concurso de Relatos Cortos
Novas relacionadas
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (VI).
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (V).
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (IV)
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (III)
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (II)
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I)
- 2016: Os Debuxos da Fundación (II)
- 2016: Os Debuxos da Fundación
- 2015: Os debuxos da Fundación (II)
- 2015: Os debuxos da Fundación Fernando Blanco (I).
- 2015: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (II).
- 2015: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I).
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Fundación Fernando Blanco