25N con Buserana: Combatindo o machismo e a violencia institucional dende a creatividade
A cita principal, artellada dende a sociedade civil, polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero na Costa da Morte, é que a Asociación Feminista Buserana organiza cada 25N en Cee. A Praza 8 de marzo volveu acoller un acto solemne, pero emotivo e participativo.
Foron moitas as familias que se achegaron para lembrar cada dun dos nomes das 38 vítimas que foron asasinadas este ano a mans de homes en España.
Deron lectura ao manifesto, centrado este ano na violencia institucional, para dar paso á emotiva entrega dos premios literarios do V Certame de Microrrelatos Buserana. Todo coa axuda técnica de Víctor Castiñeira, ao que a entidade agradece o seu compromiso ano tras ano.
As gañadoras foron Helena Canosa na categoria xuvenil co relato "Espello", e Carmen Espasandín na de adulta co relato Clac.
As protagonistas recibiron un agasallo de libros e unhas pintura orixinais que Viki Rivadulla pintou para a ocasion (coas que Buserana vai facer camisetas), e procederon a ler os seu relatos.
Ademais, a gañadora do certame do ano pasado, María Paz, quixo agasallar a todas as presentes cun texto precioso que leron conxuntamente ela e a súa filla, para completar unha tarde emocionante.
38 / 84
Dacordo cos datos da Delegación de Goberno, ata este 25 de novembro de 2025, 38 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas e xa son 1.333 desde que se empezaron a solicitar datos (2003). Das 38 mulleres asasinadas neste ano, o 63,2%, é dicir, 24 vítimas eran de orixe española e 14 naceran noutro país. Tamén este ano, 3 menores foron asasinados en casos de violencia de xénero. Dous deles eran fillos/fillas do agresor.
Con todo, os colectivos sociais contabilizan xa 84 feminicidios rexistrados neste 2025, (tendo en conta que os datos oficiais non rexistran como tal asasitatos a mans de fillos ou persoas que non son parellas ou ex parellas) dos que 3 terían sido en Galicia.

- Patricia Vaquero: Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
O MANIFESTO: COMBATER A VIOLENCIA INSTITUCIONAL PARA ACABAR CO MACHISMO
No cumio da pirámide das desigualdades e discriminacións que sufrimos as mulleres, atópase a violencia institucional en varias das súas vertentes, comezando polo eido profesional onde xeralmente somos perxudicadas de cotío a nivel salarial, pero tamén á hora de ascender ou ocupar cargos de responsabilidade. Pero tamén no relativo á conciliación, aínda tan en precario que nos obriga a reducir as nosas xornadas laborais en moitos casos para coidar as nosas crianzas ou maiores.
A violencia institucional chega a calquera ámbito das nosas vidas, e combatela desde o feminismo é unha obriga se queremos unha sociedade libre de machismo e coas mesmas oportunidades, sen ter que pagar a peaxe do xénero. Sabemos que non é doado, pero neste 25 de novembro, outra vez nas rúas, queremos reivindicalo e que remate dunha vez. Porque ademais de vivas e libres, queremos ter dereitos, igualdade e non volver a contar vítimas do machismo. As institucións teñen que tomar partido....Ou con nós, ou cos agresores!








