mércores. 26.11.2025
El tiempo

A 181km/h polo Corredor de Baio a Santa Irene

Garda Civil tradico radar mobil
A 181km/h polo Corredor de Baio a Santa Irene

Vén de aprobar a Xunta outros 5,5 km de Corredor, que non de autovía, entre Santa Irene e Vimianzo. O mesmo tipo de estrada que a VG-15, os últimos 5 km da teórica Autovía Costa da Morte, pero que de Baio a Santa Irene xa foi recurtada a 1 só carril. Unha vía que ten como velocidade máxima os 90km/h, aínda que a realidade é que hai moitos vehículos que non asumen esa cifra. 

Así se demostra da última investigación realizada polo Grupo de investigación e análise de tráfico (GIAT) do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, que procedeu á imputación en calidade de “investigado non detido” dun cidadán residente na localidade da Coruña, por circular conducindo un vehículo a unha velocidade de 181 km/h neste treito da Vía de Alta Capadidade. 

Os feitos remóntanse ao mediodía do pasado 19 de novembro de 2025. Nun primeiro momento, para os axentes resultou imposible dar alcance ao vehículo e identificar o seu condutor debido ás adversas condicións meteorolóxicas que había no momento, polo que se fixo cargo da investigación o citado grupo de investigación, os cales, tras as pertinentes investigacións, lograron identificar e investigar ao seu condutor como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria.

O vixente Código penal establece no seu artigo 379 “o que conducir un vehículo de motor ou un ciclomotor a velocidade superior en sesenta quilómetros por hora en vía urbana ou en 80 quilómetros por hora en vía interurbana á permitida regulamentariamente, será castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos”.

Colaboración cidadá

A Garda Civil conta cunha canle de colaboración sobre feitos delituosos ou infraccións en xeral, na que toda a xestión desta información, trátase de forma reservada a través do correo electrónico colabora@guardiacivil.org

Tamén poden participar a través do formulario online da GC.

Comentarios