Martes. 19.03.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación (VI): "Ganas de xogar"

Os Relatos da Fundación (VI): "Ganas de xogar"
Despois de repasar os debuxos premiados do Concurso da Fundación Fernando Blanco, imos agora recollendo os relatos premiados no VI Concurso de Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco. Hoxe rematamos este fermoso repaso polo certame da fundación ceesa co 1º Premio Categoría B (ESO) do VI Concurso Relatos: "Ganas de xogar" de Noa Lema Rial do IES Maximino Romero de Baio. Para nós ten sido un pracer.

"Ganas de xogar" de Noa Lema Rial

Noa Lema Rial-1 Premio Categoria B do VI Concurso Relatos da Fundacion Fernando Blanco copia Noa Lema Rial, 1º Premio Categoria B do VI Concurso Relatos da Fundación Fernando Blanco A miña avoa encántalle contarme contos. Contos doces, deses que ao recordalos, fanche debuxar un sorriso. Pero tamén outros contos salgados que che deixan un pesar moi grande no peito. Aínda así, a min encántame escoitar todos os contos da miña avoa. A miña avoa sempre di que contar un conto é como xogar aos xogos da infancia, xogar cos recordos. Os que máis me gustan son os que che vou narrar a ti, si, a ti. Invítote a mergullarte comigo nos contos da miña avoa.

1º Conto: O salto da corda

Era un día soleado e fermoso. Eu tiña arredor duns 8 anos e estaba xogando xunto ás miñas amigas ao salto da corda. Máis eu, que sempre fora unha atleta nata, non daba saltado aquel insignificante anaco de rede. De súpeto, chegou un rapaz alto, que tiña máis ou menos a miña idade. Veu xunto a min e díxome: “Ven, que eu saltarei contigo”. Entón saltamos os dous. Despois de varios intentos nos cales os meus pés non daban respondidos (aínda hoxe en día me pregunto se sería pola miña torpeza ou polo nerviosa que estaba), conseguín saltar ao seu carón. Eran saltos máxicos. Saltos que daban a sensación de voar, de querer chegar moi alto. Eran saltos cheos de inxenuidade, saltos cheos de medo, pero tamén de ganas de descubrir. Eran os saltos de dous rapaces aos que o destino lles estaba a preparar o máis fermoso dos amores.

2º Conto: A buxaina

Naquel tempo, a miña vida era coma un remuíño, tal e como a buxaina. Eu tería arredor duns 10 anos e encantábame ir xogar cos amigos. Máis non todo eran alegrías. Ao chegar a casa, o único que facía era axudarlle á miña nai a facer as tarefas do fogar. Non obstante, os meus tres irmáns, todos varóns, dedicaban o seu tempo a troulear pola eira, mentres eu obrigaba ó meu infantil corpo a traballar. Logo de cinco anos coa mesma lea, decidín parar. Os meus irmáns eran maiores ca min e debían, cando menos, axudarnos á miña nai e máis a min coas tarefas. Planteille cara aos tres, pero non me fixeron caso. Entón comprendín que debía deixar de facer o que mandaban facer os homes. Eu, miña nai, miña avoa, ... todas a disposición dos varóns. Dei un xiro de 360o á miña vida. Dende entón, con só 15 anos, iniciei as “Reunións do Clube M”, nas cales dez mozas nos reuníamos para falar dos noso dereitos e para iniciar así, a nosa particular revolución. A buxaina que ía cambiar as nosas vidas.

3º Conto: A carreira de sacos

Nunca me gustou moito este xogo, nunca me parecera que tivera moito xeito. Parecíame un xogo aburrido. Porén, un día do serán decidín intentalo. Cando xa estaba todo preparado para iniciar o xogo puiden ver a Sofía entre o resto de rapaces. Sofía era unha rapaza do meu colexio. Unha rapaza algo introvertida e que sempre andaba soa. Eu nunca tivera moita relación con ela. Pero hoxe estaba a xogar connosco á carreira de sacos. “Que estraño” – pensei eu. Logo de que empezara o xogo, dinme conta do que estaba a acontecer: os demais rapaces encheran o saco de Sofía de pintura vermella. Porén, a rapaza non se dera conta do engano ata a metade do recorrido. Ao decatarse, saiu fora do saco e marchou correndo. Eu, que aínda non comezara a saltar, decateime do acontecido, e fun axiña detrás dela. Atopeina encollida, chorando, detrás dunha matogueira. Sentei ao seu carón. Pero non dixen nada. Esperei alí uns longos minutos ata que a rapaza parou de chorar. Ao vela chorar sentín moita dor, a dor da soidade. Sofía díxome que a deixara soa. Pero non o fixen. A continuación respondinlle: “Prométoche que nunca máis imos xogar a ese estúpido xogo”. Ela riuse e así comezou a amizade máis verdadeira que tiven na miña vida.

4º Conto: As canicas

Recordo aquel día escuro, frío e eterno. O único que recordo con exactitude é o momento anterior á profunda dor, o momento anterior ao desconsolo, o momento anterior á nova etapa da miña vida. Recordo perfectamente que eu estaba no colexio a xogar ás canicas, xunto con dúas amigas. Hoxe en día penso: as canicas, que xogo máis insignificante. Tirar unhas boliñas, unhas contra as outras, coma se non valesen nada. Coma se a súa existencia estivese marcada unicamente para acabar rompendo e sendo esquecidas. De súpeto, vin achegarse correndo á miña veciña Flora. Cando estaba ao meu carón, vina chorar. Entón entendín que algo malo estaba a acontecer. Flora pediume que a acompañase ata a miña casa. Foi o traxecto máis longo da miña vida. Sentía que me pesaban os pés. Sentía unha dor inexplicable. Cando chegamos a casa, puiden ver o que acontecía. Unha ambulancia estaba alí. Cando entrei os médicos estaban recollendo un corpo. Non puiden mirar máis. Os meus irmáns estaban no colexio, e non había ninguén na casa a parte de miña nai. Tireime no chan, sen consolo. Non podía reprimir aquela dor que me comía por dentro. Perdera o único bo da miña vida. Perdera o que máis quería. Estiven sen comer unha semana, encamada. Ata que me fun recuperando pouco a pouco. Logo dun tempo, volvín á miña rutina, que nunca foi a mesma dende a morte de mamá. Eu xa non ía ser máis unha nena. Convertérame precozmente nunha muller, con todas as responsabilidades que iso significa. Agora penso, sobre o xogo das canicas, e sobre miña nai. Como aquel insignificante xogo me recordaba a cada momento que eu perdera o que máis quería no mundo. As canicas, cuxa finalidade é chocar unhas cas outras, para acabar sendo esquecidas no caixón máis profundo da memoria.

5º Conto: Os zancos

Durante a miña infancia nunca xogara aos zancos. Porén sempre soñaba con ver o mundo dende máis arriba. Quizais por isto decidín marchar da miña vila, por esa aspiración a ser alguén, a medrar. Quizais ese día no que decidín partir, estaba a probar por primeira vez os zancos, os zancos que me levarían a onde eu quixese. Foi un día de inverno. Xa morrera mamá. Eu estaba decidida a abandonar aquel lugar que soamente me traia recordos amargos. Ese día preparei a miña equipaxe. Collín o primeiro autobús da mañá e dirixinme á capital, sen despedirme de ninguén. Nunca me gustaran as despedidas. Así, silandeira e discreta, iniciei a miña nova vida, sen esperar nada de ninguén, soamente eu e os meus soños, aínda todos por cumprir.

6º Conto: A mariola

Durante o primeiro ano fóra da casa, a miña vida resumíase aos números que debía facer para poder chegar a fin de mes. Mentres facía cálculos, un día acordeime da mariola e de como xogaba con todas as miñas amigas a diario. Porén, aqueles números só me traían bos recordos, e non se parecían en nada aos números actuais. Recordos de tardes eternas de verán, cando a nosa única preocupación era desfrutar. Xamais me arrepentira de ter fuxido da casa, máis os tempos que corrían no primeiro ano soa foran duros. Eu daquela traballaba de camareira. O soldo era mísero e sentíame soa e bastante perdida. Quizais foi por ese sentimento de inseguridade e tristeza polo cal namorei perdidamente dun home que apenas coñecía. Un día chegou ao bar onde traballaba. Ao chegar ao seu carón, el levantou a mirada, que coincidiu coa miña. En moi pouco tempo Xosé e eu comezamos a vvivir xuntos, e dende entón, cegada polo amor, todo comezou a empeorar cada vez máis.

7º Conto: As agachadas

Dende nena amaba pasar desapercibida, que non notaran a miña existencia. Por iso me encantaba xogar ás agachadas. As agachadas traíanme recordos felices, xogando cos meus irmáns e coa miña nai pola casa. Non obstante, xamais imaxinara que as agachadas podían ser tan terribles coma aquelas. Daquela eu xa estaba a vivir con Xosé. Ao principio todo ía sobre rodas. Éramos felices e ademais el tiña un bo oficio, polo que eu xa non estaba a vivir unha época de crise, na cal debía medir cada euro para poder chegar a fin de mes. Máis hoxe en día póñome a pensar e non recordo un só día no que estivésemos rindo no sofá. Porén, si que recordo as agachadas. As malditas agachadas. E tamén recordo o silencio enxordecedor da miña casa antes de que el me atopara o agocho.

8º Conto: A pita cega

Sentía que estaba nun pozo do que non era capaz de saír. Eu, aquela rapaza que con tan só 15 anos xa iniciara un club para a defensa dos meus propios dereitos, esa rapaza, estaba agora a vivir o peor dos infernos. Naquel tempo, recordaba o xogo da pita cega. Adoraba xogar cos meus irmáns, máis nunca me gustara ser a pita cega. Non me gustaba non saber o que estaba a acontecer. Agora eu era unha pita cega que non podía ver o que lle estaba ocorrendo. Porén, un día, unha fermosa casualidade fixo que cambiase a miña vida. Un día chegou ao meu bar unha muller da miña idade. Vina entrar e fíxoseme estrañamente coñecida. Logo descubrín que era Sofía. A miña amiga Sofía. Despois de tanto tempo, volvíamos a estar xuntas. E foi grazas a ela, grazas aos seus ánimos e ao seu apoio, que puiden quitar a venda dos ollos, e deixar de ser a pita cega. Por fin, despois de tanto tempo, aquela muller valente que eu fora volvía a rexurdir, enterrando á outra no máis profundo dos cemiterios da memoria. Por fin despois daquel inferno, volvía ser libre. Por fin, despois de todo, volvía a ter ganas de xogar.  

Debuxos e Relatos Premiados 2018

“QPC volverá recoller os relatos e debuxos gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco” — Que pasa na costa

Gañadores dos Premios Fernando Blanco 2017

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios