O persoal da limpeza do Hospital de Cee acorda novas xornadas de folga para exixir a equiparación laboral e salarial
Despois das mobilizacións desta semana, a asemblea de traballadoras da limpeza do Hospital de Cee acordou, por ampla maioría, continuar durante o mes de decembro co calendario de mobilizacións para exixir a equiparación salarial e laboral. O persoal decidiu convocar tres novas xornadas de folga os días 17, 18 e 19 de decembro, ademais de manter as concentracións para os mércores 3 e 10 de decembro, así como nos propios días de folga.
A asemblea fai unha valoración positiva do seguimento da folga e reafirma a necesidade de continuar na mobilización “até que a Dirección Xeral do Sergas se digne a convocar unha reunión e abrir unha mesa de negociación real que permita atender a demanda de equiparación salarial e poña fin á desigualdade e discriminación existente entre centros hospitalarios do Sergas”.
Lembran que aínda que realizan o mesmo labor que as compañeiras e compañeiros do servizo de limpeza doutros hospitais, as súas condicións de traballo son inferiores ao non aplicárselles a equiparación laboral co grupo E do Sergas.
“Non é de recibo que se manteña esta situación de discriminación sobre un colectivo maioritariamente feminizado, e máis nunha semana marcada polo 25 de novembro, na que denunciamos a precariedade, a pobreza laboral, a infravalorización profesional e todas as formas de desigualdade e discriminación salarial que tamén constitúen violencia”.
Neste caso, é a propia Consellería de Sanidade e o Sergas quen exerce esa violencia institucional ao negarlle unhas melloras que xa ten recoñecidas o persoal de limpeza dos hospitais de referencia.
Nunha situación similar atópanse as compañeiras da limpeza dos Hospitais do Barbanza e do Salnés, que tamén están realizando xornadas de folga e mobilizacións para reclamar que se poña fin a esta inxustiza.
