Martes. 12.11.2019
El tiempo

Por unha Tarifa Eléctrica Galega

Por unha Tarifa Eléctrica Galega
A CIG concentrouse diante da Ferroatlantica por unha Tarifa Electrica Galega

Nas fábricas de Alcoa San Cibrao e A Coruña, Celsa Atlantic (A Laracha), Megasa (Narón), SGL Carbón e nas centrais de Ferroatlántica de Sabón e Brens, a fábrica ceense. A central sindical da CIG realizou estas concentracións durante a mañá do xoves 18 de novembro, en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega, que “nos permita obter enerxía a prezos máis baixos e así favorecer a consolidación do noso tecido industrial e o mantemento dos miles de empregos que xeran estas plantas”.

As protestas, realizadas nos cambios de quenda, tiveron lugar en industrias con grandes consumos enerxéticos. I é que a implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega é unha reivindicación que a central nacionalista leva tempo defendendo durante antes e que hoxe está de primeirísima actualidade por mor do novo sistema de poxa de interrrumpibilidade, que “algunhas destas empresas están a utilizar como escusa para xustificar a aplicación de EREs, modificacións das condicións laborais e mesmo peches de fábricas”, denuncian.

Nese senso, a CIG demanda “a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata para o consumo doméstico, para defender a nosa cativa industria, para favorecer os nosos sectores produtivos básicos”.

As perversidades do sistema de poxa

O Secretario Comarcal da CIG, Xabier Filgueira, que participou na concentración realizada en Alcoa Inespal, valoraba a publicación hoxe mesmo no BOE da segunda poxa de interrumpibilidade con moita cautela, por canto se descoñecen puntos esenciais da mesma, como a potencia máxima a subhastar e outras cuestións recollidas no anexo confidencial. “O anuncio é positivo, pero parece que esta poxa non se dá nas condicións máis propicias. En todo caso, esta sería unha solución transitoria e inmediata á que Alcoa ten que concorrer, pero cara o que hai que camiñar é a un cambio de todo o sistema eléctrico e de tarifas, para acadar unha tarifa galega que permita termos prezos máis baixos e achegue estabilidade”.
Por iso, Filgueira demandou de Alcoa a retirada do ERE e engadiu que o Goberno español e o Ministerio de Industria “están obrigados a dar unha alternativa que pase por garantir a actividade industrial e o mantemento do emprego nestas empresas”.

Sobre isto, o responsable da Unión Local da CIG de Cee, Xavier Santos, que participaba na concentración diante da fábrica, puña como o exemplo máximo do paradoxal deste sistema, “a situación que se podería dar en Ferroatlántica, unha bisbarra produtora de enerxía ao ter múltiples parques eólicos e que conta cunha central hidroeléctrica que a propia empresa explota en concesión. Santos alertou que este tipo de sistema pon freo ás inversións na fábrica, que é unha demanda que sempre defendemos para o mantemento da actividade”.

Uns datos que el mesmo, xunto con Fernando Blanco, membro da executiva CIG-Industria, explicaba na charla informativa realizada na tarde noite do mércores. Lembraron que “a reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega xa estaba presente na ILP de 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que a central nacionalista defendeu no Parlamento en abril deste ano, e a través da que se propoñía unha rebaixa nas peaxes do 30%. Unha iniciativa lexislativa popular que, hai que subliñar, foi rexeitada cos votos en contra do PP”.

E puxeron como exemplo o caso de Euskadi, onde a vontade política fixo posible o pacto ao que chegou o PNV co Goberno español para realizar unha modificación na definición da alta tensión, que podería supor unha rebaixa das peaxes do 50% en dous anos e un aforro anual de preto de 30 millóns de euros. E aínda que o Ministro de Industria asegure que nunca apoiará a existencia de tarifas diferenciadas dentro do territorio español, o certo é que este cambio xa foi proposto polo Goberno central ao organismo regulador, para a súa validación, o pasado 3 de setembro.

Charla da CIG sobre a Tarifa Electrica Galega

Mobilizacións nos concellos o día 16 de xaneiro

Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña que a CIG vén de pór en marcha para levar ao debate político e social a necesidade de contar cunha Tarifa Eléctrica Galega que nos permita obter unha enerxía máis barata. Por iso, alén das concentracións nas empresas que máis directamente afectadas poidan estar polo prezo da enerxía, a central sindical tamén promoverá posicionamentos das Corporacións locais e mobilizacións nos Concellos onde se asentan estas fábricas. Así, xa está acordada unha primeira xornada de concentracións para o día 16 de xaneiro, ás 19:00 horas, diante dos concellos nos que están as fábricas mencionadas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios