Mércores. 23.10.2024
El tiempo

O programa de estudo de verán en galego faise na Costa da Morte

  • Tumochilaeducativa, a nova escola de verán online, nace dunha xuntanza dun grupo de amigas que falando de “como está o mundo”, deciden pasar da queixa á acción, a poñer a súa enerxía, coñecementos e experiencia a traballar por algo tan utópico como “un mundo mellor para as nenas e nenos”.
Karina Mouzo e Natalia Rodriguez de Tu Mochila Educativa
O programa de estudo de verán en galego faise na Costa da Morte

Interesantísimo o proxecto que lanza para este verán dúas profesionais da Costa da Morte. Carina Mouzo, psicopegagoga e educadora social, e Natalia Rodríguez mestra de primaria e técica de Educació infantil lanzan o proxecto ”Aprender na Costa”, no marco da súa marca “Tu mochila educativa”.

Trátase dun cursillo de verán online, o Santillana de toda a vida, pero en galego, gratuito e feito na Costa da Morte. Formulado para alumnado de 3º a 6º de Primaria de toda Galicia, xa te podes inscribir en tumochilaeducativa.es e ir seguindo os seus reels no Instagram e Facebook.

As crianzas de 8 a 12 anos poderán repasar os contidos escolares durante o verán, en galego, dun xeito divertido e efectivo, aprender a organizarse, descubrir técnicas de estudo, e facer un uso responsable da internet para as tarefas.

Ademais destas dúas ceenses con ampla experiencia na formación, formando parte durante anos da familia Aspadex, contan coa colaboración do psicólogo Ramón Gil, o deseñador web Óscar Rodrigiez, a pedagoga María Pérez, ou a especialista en escolarización na casa Mar.

Falamos con Karina e Natalia:

A mochila educativa é un proxecto que leva un tempo funcionando, xa dende a pandemia nos decatamos de que hai moito que facer no ámbito educativo, tanto no puramente académico como outras áreas relacionadas como educación emocional, técnicas de estudo...

A mochila nace, como moitos outros proxectos, dunha xuntanza dun grupo de amigas que falando de “como está o mundo”, deciden pasar da queixa á acción, a poñer a súa enerxía, coñecementos e experiencia a traballar por algo tan utópico como “un mundo mellor para as nenas e nenos”, compartindo estratexias para unha educación consciente e saudable nun entorno que non sempre dá as facilidades para iso.

  • En concreto, como nace o proxecto de “escola de verán”?

Fai un par de anos, dous veráns aproximadamente xurdiu, esta idea de concretar todo isto nun proxecto feito na Costa da Morte, que por unha parte fose un recurso a nivel académico e por outro, axudara ós nenos e nenas de aquí a coñecer máis a vila na que viven.
Despois dese recorrido, este ano por fin nos decidimos a poñelo en marcha como “proxecto piloto”, que espera nutrirse e ir mellorando coas aportacións das persoas que participen no mesmo.

  • En que consiste o proxecto?

O proxecto consiste nunha escola de verán online que ten como obxectivo que os nenos e nenas repasen durante o verán contidos escolares, combinados con técnicas de estudo e educación emocional. Por medio das distintas actividades tamén se traballarán habilidades sociais e relacionais, coñecemento do medio no que viven, promoveremos a autonomía e responsabilidade...

Está orientado a nenos e nenas que remataron este ano de 3o a 6o de primaria, posto que nestas idades xa é posible empezar a traballar unha certa autonomía no estudo.
Contamos con unha plataforma online onde cada semana subiremos os cadernos (que poderán descargarse en PDF para imprimir e traballar sobre papel en calquera momento), así como material adicional para repaso, reforzo, vídeos explicativos...

  • Que vantaxes ten?

Con respecto a outras formas máis tradicionais de repasar no verán, pensamos que as persoas que se apunten:

- Desfrutarán dun programa gratuito de repasos no verán coordinado por profesionais da educación.
- A facilidade para que cada familia se organice en función das súas necesidades, horarios, características...
- Afianzar os coñecementos adquiridos durante o curso.
- Adquirir uns bos hábitos e técnicas de estudo: autonomía e responsabilidade.
- Aprender a usar internet como recurso para a aprendizaxe.
- Ocupar o tempo libre de forma saudable.
- Traballar a nivel emocional: ser consciente das emocións, dos logros, sentirse queridas e valorados.
- Coñecer o entorno no que viven, traballar habilidades sociais, aprender a facer traballos en grupo,...

  • Onde se vai levar a cabo?

É un proxecto online, polo que se pode levar a cabo en calquera parte do mundo.
O proxecto “Aprende na Costa”, estaba inicialmente pensado para nenos e nenas da Costa da Morte, pero debido a que xerou bastante expectativa, e xente de outros Concellos nos dixo que lle gustaría formar parte, decidimos facer un proxecto “dende a Costa da Morte para toda Galicia”, posto que os contidos son válidos para alumnado de toda a comunidade.

  • Que acollida está tendo o proxecto?

A verdade que está tendo moi boa acollida, estamos moi contentas, porque se está apuntando moita xente, o feedback que estamos recibindo é moi positivo e isto motívanos a seguir traballando.

  • Que esperades de cara ó futuro neste proxecto?

Como xa dixemos, trátase de algo novidoso, un proxecto piloto que está vivo e irá medrando e perfeccionándose coa aportación das familias e dos nenos e nenas que participen nel.
Dende que o lanzamos ata este momento xa estamos mellorando coas aportacións que imos tendo polos distintos medios (engadir cadernos de inglés, traballos grupais, vídeos explicativos...), pero o tempo do que dispoñemos é limitado, polo que algunhas cousas terán que esperar algún tempo máis, pero que temos en mente de cara ó próximo curso:

- Elaborar material adaptado para distintas NEAE (TEA, TDAH, dislexia...)
- Incluir outros cursos (1º e 2º de Primaria e 1º e 2º de ESO)
- Ampliar material de técnicas de estudo e educación emocional para poder abarcar todos os niveis educativos, e algunha cousiña máis que vos iremos comentando ó longo destes meses

  • As persoas interesadas aínda están a tempo de apuntarse?

Si, por suposto, ademais é moi sinxelo, tan só teñen que rexistrarse nas páxina tumochilaeducativa.es e en canto comencemos (a primeira semana de xullo) enviarémoslles un correo para que accedan ó curso e poidan empezar cando queiran.

Nes páxina tamén poden ampliar información sobre o proxecto, decargar o material de exemplo, coñecer a estrutura dos cadernillos...

Comentarios