Talía Teatro puxo o peche a unha nova e abarrotada Mostra de Teatro de Cee
Non decae a Mostra de Teatro de Cee. Nin na calidade das obras nin no que a público se refire. Nin moito menos. E iso que as axudas das administracións seguen caendo e caendo (véxase a crítica de José Luís Louzán sobre a Mostra), provocando que nesta 24ª edición só puidesen abrir por 5 días. Iso si, 5 días ao completo, xa que na meirande parte das sesións a porta pechada rexistráronse cheos, con colas de ata hora e media para conseguir entradas. Entradas que, por certo, seguen a ser extremadamente baratas para a calidade das propostas.
Precisamente onte, Talía Teatro pechaba a Mostra (co permiso da sesión golfeira da Isla) cun cheo a rebentar, quedando fóra ducias de persoas ansiosas por ver este novo "Volpone, comedia da Mosca". Unha obra enérxica, rabiosa, con 1 hora e 45 minutos sen parada, na que a palabra é a protagonista. Diálogos intensos que sacan os peores sentimentos de luxuria e avaricia dos protagonistas desta fábula estreada polo 1605, pero que a día de hoxe segue tendo unha vixencia total.
Artur Trillo e Toño Casais conducen a obra coa mestría que os caracteriza e que os sitúa como referentes do panorama nacional. Marta Ríos, que levou o premio de Mellor Actriz Secundaria nos últimos Premios María Casares por esta mesma obra, está espléndida, ao igual que María Ordóñez, a terrible viúva castigada ao remate da obra coa peor penitencia: o voto de silencio. E que dicir dos Dani Trillo, Diego Rey, David Creus, Gustavo Dieste e Rubén Prieto, sempre a altura do ritmo e da simpatía da obra.
O público soubo recoñecer o mérito da obra, e ata 4 veces tiveron que voltar ao escenario e reverenciarse para recibir unha enchenta de aplausos na súa propia casa. Ben merecido que o teñen.
Agora, o que hai que conseguir é que non cansen. Que non deixen de traernos a Mostra, esta posibilidade de ver, na casa, ás mellores compañías do país.
Gracias, Talía Teatro.
Novas relacionadas
- As Verdades como puños de José Luís Louzán sobre a Mostra: Mercenarios.
- Os dous mellores actores secundarios de Galicia son da Costa.
- Talía Teatro estrea VOLPONE.
- Talía Teatro non ten “Pelos na lingua”.
- Crónica de Palabras encadeadas: éxiTO TOTAL TALía .
- 22 Mostra de Teatro de Cee: Outra nova Mostra do que gusta o teatro na Costa.
- 21 Mostra de Teatro de Cee: Un ano máis de teatro en Cee con Talía.
- Un artigo de Darío Areas: Cee e a súa tradición teatral.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).