Os traballadores de XEAL reivindican na rúa a posta en marcha dos fornos "Xa!"

Concentración deste venres dos traballadores de XEAL ás portas do Concello de Cee

Volveron ás portas do Concello os traballadores e traballadoras do Comité de Xeal para seguir denunciando a situación de continuo deterioro e desmantelamento das fábricas e a falta dun necesario Plan de Viabilidade que asegure os postos de traballo na comarca.

Este venres ás 18:00h, despois de varias semanas concentrándose ás portas da fábrica, o Comité decidiu volver ás portas do Concello para visibilizar aínda máis a súa loita.

Lembran que o ERTE rematou o pasado 28 de febreiro e “aínda que o persoal está reincorporado nos seus postos de traballo, a produción está en mínimos, dous fornos continúan sen actividade e non hai previsión de que a empresa adquira materia prima para arrancalos no curto prazo”. E iso a pesar de que no mercado internacional de manganesos hai demanda deste material. De aí que a petición máis forte sexa “Fornos en marcha xa!.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA