Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Un Nadal sen Apalpador

Un Nadal sen Apalpador
O Apalpador no CEIP Eugenio Lopez-Foto-ANPA Uxio O Apalpador visitou a todos os nen@s do CEIP Eugenio López-Foto-ANPA Uxio Chega o Nadal e unha parte da Galicia máis comprometida segue intentando recuperar, sen demasiado éxito, a figura do Apalpador. Ese carboeiro que baixa das montañas do Courel para apalpar as barriguiñas das crianzas e deixar un feixe de castañas na súa camiña. Esa figura, semellante ao potente Olentzero do País Vasco, que trata de facernos escapar do vermello consumismo de Papa Noel e da relixiosa mística dos Reis Magos. Tarefa ben complicada nestes tempos nos que a publicidade e as compras deciden as nosas axendas. Imposible máis ben. Pero todo é compatible. Non se trata de facer desaparecer figuras tan intrinsecamente instauradas na nosa sociedade, se non de introducir novas imaxes que nos dean unha visión alternativa do que podemos facer como comunidade. Non foron tantas como outros anos as visitas que tiveron os escolares da bisbarra. E iso que son os centros de ensino os verdadeiros conservadores destas novas tradicións, tales como o Samaín. Si que tiveron visita, gracias á comprometida ANPA Uxío, os peques do CEIP Eugenio López de Cee, que non puideron falar demasiado con el porque estaba algo afónico… Outros Concellos como Fisterra, Carballo, Ponteceso, Carnota, Malpica ou Vimianzo tamén organizaron encontros nos seus Programas de Nadal. Non podemos esquecer, dende logo, o gran traballo de Senda Nova nestes asuntos de tradición.

Unidade Didáctica da Mesa

Imaxe do Apalpador por Oscar Vilan para A Mesa Imaxe do Apalpador, feita por por Oscar Vilán, para A Mesa O Apalpador tamen e protagonista do catalogo de regalos en galego da Mesa O Apalpador tamén é protagonista do catalogo de regalos en galego da Mesa E precisamente pensada para os centros de ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística presentaba a semana pasada unha unidade didáctica con actividades e xogos sobre o Apalpador. Os materiais para libre descarga son unha carta ao Apalpador e unha unidade didáctica ilustradas por Oscar Villán cunha decena de actividades e xogos ao redor da figura mítica do carboeiro que, segundo recolle a tradición, baixa das montañas as noites do 24 ou do 31 de decembro para apalpar a barriga das nenas e dos nenos e para deixarlles castañas e agasallos para gozar o ano novo. A Mesa completa, así, con estes materiais para o uso escolar e familiar e mais co catálogo de agasallos tamén dispoñíbel na súa web, a oferta de recursos para que a cativada galega poida gozar o Nadal e xogar na súa lingua.

Un Nadal en galego

Estes xogos serven para rachar a fenda lingüística do galego no Nadal. Segundo datos do Informe da Lingua, a situación da lingua galega nestes produtos, dun ámbito tan prioritario como é o da infancia, é tan precaria que unicamente o 0,6% dos xoguetes teñen opción de galego, porcentaxe que cae até o 0,38% cando só están en galego.  

Máis información

https://quepasanacosta.gal/todos-os-programas-de-nadal-da-costa-da-morte-en-qpc/

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/monologo-do-apalpador/ https://quepasanacosta.gal/o-conto-do-apalpador/ https://quepasanacosta.gal/unha-noite-co-apalpador/

Comentarios