Brens acolle unha conferencia clave para fomentar un uso seguro e saudable das pantallas na Costa da Morte
A veciñanza da comarca de Fisterra terá este venres unha cita imprescindible coa educación dixital e a saúde tecnolóxica. O día 22 de novembro ás 17:30 horas, a acollerá a Casa da Cultura de Brens conferencia “Pantallas seguras e saudables”, unha actividade aberta ao público e pensada
especialmente para familias, profesorado, persoas maiores e mocidade da comarca, impulsada pola necesidade crecente de comprender e afrontar os retos que supón o uso da tecnoloxía na vida diaria.
O encontro estará impartido por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, docentes de ensino secundario e Formación Profesional, especializados en educacíon dixital, seguridade e investigadores no eido do benestar tecnolóxico, tamén impulsores de múltiples accións de divulgación na Costa da Morte.
Unha actividade necesaria para a poboación da Costa da Morte
"A dixitalización acelerada afecta especialmente ás familias e á xente máis nova, pero tamén ás persoas maiores, cada vez máis expostas a estafas, desinformación e riscos tecnolóxicos", explican os finalistas estatais aos Premios Educa Abanca. Por iso, desde Brens sinalarase a importancia de ter unha educación tecnolóxica e do coidado da saúde a través dun bo uso das pantallas.
Esta conferencia busca dar resposta a preocupacións reais: o impacto das pantallas no sono, a visión e a concentración; o illamento social asociado ao uso excesivo do móbil; os riscos da exposición a contidos inapropiados; ou o aumento de ciberestafas, especialmente entre a poboación maior.
Dende a Asociación destacan que esta actividade non pretende demonizar a tecnoloxía, senón axudar a convivir con ela dun xeito equilibrado, poñendo o foco no benestar das persoas.

