Volven denunciar a parálise da negociación colectiva en XEAL mentres os traballadores "perden empregos, dereitos e salarios"

Membros do BNG e da con traballadores de XEAL hai xusto un ano

A CIG en XEAL denuncia a parálise na negociación colectiva

 

 

Máis dun ano levan os traballadores de XEAL esperando por un novo convenio. E o que avanza é a perda continuada de poder adquisitivo, o bloqueo empresarial e un deterioro xeral das condicións laborais. Así o entenden dende a sección sindical da CIG en XEAL, que advirte a parálise nas negociacións provocada pola falta de interese da empresa.

Nas asembleas celebradas estes días para abordar a situación, convocadas polo comité, "as traballadoras e traballadores amosaron o seu apoio ás reivindicacións expostas e reclamaron de forma clara a recuperación do poder adquisitivo e a sinatura dun convenio digno", segundo explica a CIG.

A sección sindical da CIG subliña que non se está a reclamar “nada excepcional, senón o mantemento do poder adquisitivo, nun contexto sociolaboral no que, tanto no sector do metal como noutras empresas da comarca, os salarios se están a actualizar por riba do IPC ou ligados directamente a este índice, co obxectivo de evitar o empobrecemento das persoas traballadoras”.

Pola contra, denuncian, “nesta empresa estase a avanzar xusto no sentido contrario”. A empresa, segundo critica a parte social, mantén "unha estratexia baseada no desgaste continuado do persoal, en lugar de crear condicións para un clima laboral favorábel".

Permanente propaganda

Ao mesmo tempo, “XEAL mantense nunha campaña permanente de propaganda e imaxe mediática, convertendo a obriga coa comarca de repercutir os beneficios extraídos da explotación dos recursos naturais en actos de carácter simbólico e asistencial, nos que o único relevante é a foto”. Como exemplo destas actuacións expoñen as visitas institucionais como a do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que a empresa pretende proxectar unha “nova e ilusionante imaxe”, cando a realidade “é que desde que a compañía opera baixo a denominación de XEAL e coa xestión do grupo ENERGO-PRO se perderon máis de 84 postos de traballo”.

A sección sindical da CIG reitera que o único interese real da empresa consiste na explotación dos recursos naturais da comarca e que, “coa complicidade da Xunta de Galiza, pretende incrementar a produción e os beneficios sen respectar o marco concesional nin a vinculación da explotación hidroeléctrica coa produción industrial e a creación de emprego, tal e como estaba establecido”.

Neste sentido, lembran que a sección sindical da CIG ten presentadas alegacións contra o proxecto da central de bombeo reversíbel do monte da Ruña, que a día de hoxe continúan sen resolver.

 

Máis novas