Mércores. 22.01.2020
El tiempo

A política abre as portas á cidadanía, tamén na Costa da Morte

A política abre as portas á cidadanía, tamén na Costa da Morte
Asemblea aberta do BNG de Carballo

Hoxe queremos facer un guiño a todos eses grupos políticos que veñen abrindo as súas portas á veciñanza. Falta facía un movemento político cara o exterior, cara a rúa, e parece que as incercias emprendidas a nivel estatal polo grupo Podemos, xa camiño da Moncloa como vimos no estudio publicado polos medios da AMEGA, están tendo resposta a nivel municipal. Vémolo moi claro cas iniciativas asemblearias das cidades galegas, como a aparición da Marea Atlántica.

Hoxe queremos recoller algunha destas experiencias pola Costa da Morte. Seguro que se nos escapa algunha boa iniciativa, polo que vos pedimos que nos informedes dos vosos pasos. Iremos ata Carballo, Corcubión, Laxe, Muros… dando conta desa apertura da polítíca aos veciños. Non sabemos se estas citas son realmente efectivas, pero somos nós, os veciños, os responsables de conseguilo. O devir desta iniciativa dará conta da resposta da cidadanía ante o devir político actual. Esperemos que estas propostas superen enquistados problemas localistas, ou de personalismos, porque ollo, en maio de 2015 teremos eleccións municipais.

Novas iniciativas

Asembleas Abertas de Somos Laxe

Alegres estamos ao coñecer novas iniciativas como o movemento veciñal de Somos Laxe. Cada sábado, ás 19:00h, arman asembleas abertas demostrando que “a veciñanza de Laxe quere ser protagonista da vida municipal; unha parte activa na toma de decisións políticas que nos afectan a todos/as. Somos o pobo”, indican.

Pretenden conformarse como unha agrupación de electores para presentarse ás eleccións municipais. Pero para iso, son conscientes de que teñen que ser un grupo de veciños o suficientemente sólido e amplo. “Non se trata de formar unha candidatura e despois presentarlla á veciñanza para que nos voten, non. É xusto ó revés. Trátase de, entre todos, formar e elexir unha candidatura que queiramos que nos represente no concello”.

Curiosos estamos tamén ante a creación en Mazaricos do novo grupo ”Nós tamén podemos, con blog e todo, que sinalan que Algo se move na política municipal. Un grupo que prantexa sinerxias cos grupos locais de BNG e PIMAZ, pero que nace dun claro prantexamento: É necesario un cambio de rumbo en Mazaricos?

Círculos de Podemos

Circulo Podemos Carballo

Son varios os Círculos de Podemos na zona. Podemos Carballo, que ten sinerxias con Podemos Bergantiños. Dous círculos moi vencellados á política estatal, tamén artellan asembleas locais.

Mentres, polo sur Podemos Fisterra preséntase como alternativa á política de sempre, enquilosada nun alcalde que gusta das comilonas e das vellas estratexias clientelares. Xa teñen armado unha limpeza de praia, e mentres miran cara a Moncloa en clave estatal seguen mantendo contacto a través dun grupo de WhatsApp de Podemos Fisterra. Ademais do FB, tamén pode contactar con eles a través do tuiter @PodemosFisterra.

Outros círculos como o Podemos Vimianzo, Podemos Carnota ou Podemos Cee tamén aparencen na rede pero non temos constancia da súa evolución.

O BNG abre a súas portas

E comezamos por Corcubión, onde o pasado 13 de decembro armaron a II Asemblea Aberta do BNG corcubionés. Unha xuntanza para que a veciñanza de Corcubión achegue propostas e suxerencias para mellorar a vila, as súas queixas ou simplemente escoitar as alternativas do grupo e as demais opinións. I é que a idea é clara: “canta maior capacidade de participación e decisión haxa, maior garantía teremos dunha institución municipal máis aberta e democrática, onde non haxa lugar para prácticas clientelares e corruptas. Unha xestión do pobo para o pobo”.

Falaron de moitos asuntos, dende a necesidade de creación do Consello da Muller Municipal, ou dunha Sala ou edificio municipal destinado ao ocio da mocidade. Falouse tamén de aulas pedagóxicas á veciñanza, e como non, de que o debate municipal sexa público e aberto, con asembleas abertas sectoriais cas asociacións culturais, deportivas, comerciais, desempregadas/os, etc, e coa gravación dos plenos municipais en directo como garante democrático e informativo.

Ademais, dende Corcubión invitan a participar tamén a través das redes sociais, a través do Facebook, do Tw, ou do correo electrónico [email protected],  para quen queira aportar e participar o poida facer desde a distancia. 

Outros grupos do BNG teñen tamén aberto as súas portas, como é o caso carballés, onde o pasado novembro acolleron a case un cento de veciños na súa xuntanza aberta.

Asemblea aberta do BNG de Corcubion

Compromiso aberto en Muros

Un dos poucos grupos activos de Compromiso por Galicia na zona é o de Muros. Veñen de presentar as súas primarias abertas a cidadanía en Muros. Os veciños e veciñas que asi o desexen puideron presentar do 13 ao 20 de decembro a súa candidatura a alcaldía sen necesidade de ser afiliado da formación galeguista a un só click.

Ademais de poder presentarse como candidato, os veciños tamén poderán participar na votación que terá o lugar o día 27 de decembro na que a cidadanía muradá elixirá á persoa máis acaída para ser cabeza de cartel de Compromiso en Muros. “Sumar esforzos para crear unha alternativa real”, valoran.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios