Alegato urbanístico de Boca de Sapo para Corcubión
Alegato urbanístico de Boca de Sapo
Hai tempo que en Corcubión pódese apreciar un deterioro progresivo dos espazos verdes que conforman o deseño ornamental urbano. No caso das árbores de xardín, existen casos que as actuacións se reducen simplemente a drástica eliminación das pezas.
Cal é o motivo destas actuacións? Unha cuestión de seguridade, para previr a integridade dos veciños e veciñas da nosa vila.
Dende a Asociación Boca de Sapo comunidade eco-social e cultural de Corcubión, entendemos que en determidadas situacións a devanditas prácticas poden estar xustificadas, pois pode tratarse de elementos en mal estado, como pólas demasiado grandes que, debido ao seu mal estado, poden constituír un serio perigo para a cidadanía.
Na actualidade podemos ver reflectido ese problema nas palmeiras da Praza Castelao atacadas pola praga do “picudo vermello das palmeiras”, un problema que se observa en case toda a franxa atlántica galega.
Pero, agás do problema do “picudo”, habería que tomar en consideración e preocuparse de como chegamos a este tipo de situacións tan extremas, onde a única solución termine pola eliminación deses elementos ornamentais, sen ter en conta, por exemplo, un repoboamento para sustituír ou incluso aumentar o número das, sempre necesarias e vitais para o equilibrio e benestar, árbores na nosa vila.
Corcubión é un concello pequeno, con escasos recursos económicos, pero lonxe de ser un obstáculo, isto danos a oportunidade de controlar mellor a contorna urbana e por freo aos problemas derivados do paso do tempo do mobiliario e xardíns urbanos.
Se cadra, establecer unas eficaces canles de información por parte do concello sobre estes asuntos, axudaría a unha mellor comprensión por parte da veciñanza de cada feito puntual, evitando de paso malos entendidos que derivan en comentarios fóra de lugar.
As prácticas relacionadas coa xardinería e o coidado da contorna urbana nunha vila tan fermosa coma a que temos, non poden resumirse básicamente a adoptar solucións de emerxencia urbanística.
No caso máis actual, o problema das palmeiras datileiras da praza de Castelao, en grave perigo de desaparición, fainos pensar que deberiamos comezar a deseñar un novo modelo urbano para a nosa praza e deseñar espazo verdes ben coidados, en harmonía co clima e a paisaxe tradicional da Galiza.
Tamén voltamos a reiterar que a situación dos montes do concello é unha situación extrema xa que concentran grandes masas forestais de pirófitas que poden resultar unha seria ameaza para as vivendas e polo tanto para os veciños e veciñas de Corcubión no caso de producirse un incendio.
Manter grandes masas forestais desas características é un fracaso da nosa sociedade que imos pagar moi caro nun futuro quizais non tan afastado no tempo. Mais ben deberíase apostar pola diversificación dos hábitats e recuperación de zonas húmidas e fontes mantendo as vellas paisaxes tradicionais.
As pistas forestais están en mal estado e os antigos camiños que comunicaban os lugares das parroquias atópanse practicamente extintos, porén recibimos importantes orzamentos para a construción de estruturas coma as da estrada do faro que non son tan prioritarias.
Corcubión é unha vila que conta cun deseño urbanístico peculiar, distinto ao resto das poboacións veciñas que alomenos no seu casco vello, conservou o antigo e fermoso trazado dunha típica vila mariñeira, coma as de antes, que merece un trato máis digno e coidadoso dos seus espazos comúns.
Cremos que no coidado da beleza dos parques e xardíns da vila poden contribuír os veciños e veciñas da vila, pero tamén é unha obriga do grupo de goberno e das demais forzas políticas que compoñen a bancada parlamentaria do concello.
Nos anos sesenta e setenta Corcubión recibía premios pola fermosura e singularidade dos seus parques e xardíns, eran os chamados “Premios nacionais Conde de Guadalhorce”, nos que se tiñan en conta non só as condicións de urbanización e ornamentación do espazo urbano, senón tamén as dificultades do concello para acadar o devandito galardón.
Ás veces ser pequeno, lonxe de ser un problema, pode ser unha virtude.
- Asociación Boca de Sapo comunidade eco-social e cultural de Corcubión.