Maiores e crianzas de Corcubión rescatan os muíños de Quenxe nun proxecto interxeracional
Marabillosa xornada interxeracional a vivida este venres nos muíños de Quenxe. O alumnado do CEIP Praia de Quenxe uníase á veciñanza da tres activas asociacións da parroquia da Redonda (AAVV Lugar de Quenxe, San Roque e San Pedro de Redonda, en colaboración tamén coa Asociación de Amigos do Camiño) neste traballo comunitario de revivir muiños do rego de Quenxe.
O chamado proxecto “A Corrente dos Muíños” vivía un deses fitos esperados. Despois da presentación no cole e dos primeiros traballos de restauración, chegaba a hora de poñer os cascos e poñerse a traballar, rapazada de 5º e 6º de Primaria e os maiores do lugar, cóbado con cóbado.
Unha das mestras, Rocío, cóntanos o ben que o pasaron durante a xornada. “Triunfou a karcher”, apunta de comezo con retranca. “As paredes quedaron limpiñas”. Pero é que en realidade o feito de pisar terra para esta rapazada é un luxo. “Non é que pisen a terra por obrigación, é o disfrutan, volven mollados pero feliz, moito mellor que ir á cidade”.
“Os máis curiosos xa preguntaban polo funcionamento, para que servía o canal, o tamaño… “Valorar o patrimonio, darlles un novo uso ás cousas, volver a valorar o antigo é unha pasada”, recoñecía a mestra nestes tempos da obsolescencias programada.
Con todo, “o que máis destaco é que poidan traballar xentes de tan diferentes idades, que as crianzas aprenden a escoitar á xente maior, e ver como prestan atención. E ver que a xente maior se sinte revalorizada, escoitada de novo”.
Na aula
A xornada xa vén de varias visitas na aula, onde “flipan coa maqueta que fixo David, un veciño da parroquia para ir tendo unha serie coñecementos previos que lles axudan a entender os mecanismos.
A cousa continúa e semana que vén levar a porta do Muíño ao cole para que os pequenos a pinten a porta.
En conclusión: “Os rapaces de maiores van lembrar estas actividades, non a ficha de mates”.


