Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As palmeiras da Praza Castelao, afectadas polo picudo vermello, xa caen a anacos

Palmeiras podadas en Corcubion
Ante a situación, este luns o Concello procedeu á poda das palmeiras da praza
As palmeiras da Praza Castelao, afectadas polo picudo vermello, xa caen a anacos

A praga do picudo vermello continúa facendo estragos nas palmeiras de todo o sur da comarca. Por Carnota e Muros xa apenas quedan vivas media ducia, mentres que en Corcubión xa vai máis dun ano dende que se alertaron dos primeiros exemplares afectados.

Foi en outubro do ano 2021 cando o grupo Sempre Corcubión xa solicitaba os estudos fitopatolóxicos para coñecer o estado das especies arbóreas. Tanto a primeiros deste ano como a medidados de agosto volveron facer unha advertencia, requerindo unha actuación urxente, pero a inacción do Concello é evidente, que esta fin de semana xa caeron varias pólas das palmeiras da Praza Castelao, sendo un perigo para a veciñanza.

Palmeiras caidas na praza Castelao
Palmeiras caidas na praza Castelao

De aí que o propio grupo Sempre Corcubión, así como o BNG, alce de novo a voz, critiquen a “inacción do órgano de goberno de Corcubión”. “A día de hoxe, e con sorte de non ter que lamentar feridos, volvemos esixir ao órgano de goberno que tome medidas urxentes cara evitar futuras desgrazas”, denuncia Alfredo González.

Pola súa parte, dende o BNG consideran que “estaba visto que ía pasar o que todo o mundo esperaba, que caeran en anacos as palmeiras danadas pola praga do picudo vermello”. O BNG tamén alertou en varias ocasións ao alcalde, e critica que “parece que as vacacións do equipo de goberno duran todo o ano, ningunha excusa é válida para xustificar a inoperancia do Alcalde neste asunto, que foi avisado por activa e por pasiva dende hai moito tempo”.
“A conducta do alcalde e de todo o equipo de goberno é lamentable. Levan todo o ano cunha actitude de pasotismo total neste asunto. Menos mal que non pasou ningunha desgraza, porque si lle chega a caer a alguén na cabeza, matao ”, sinalou Lois Lado.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios