Martes. 16.04.2024
El tiempo

As Andainas toman o relevo de Traski para vertebrar a pé a Costa da Morte

As Andainas toman o relevo de Traski para vertebrar a pé a Costa da Morte
Imaxe da Andaina do 2013 por Muxia Folleto Andainas Costa da Morte 2014

Xa está en marcha a segunda edición do Programa de Andainas "Coñece a Costa da Morte”. Esta actividade que mestura deporte, cultura e turismo tivo un enorme éxito de participación o ano pasado, chegando a xuntar máis de 200 persoas nalgunhas das xorndas. Unha proposta moi semellante a que propón Traski no seu Camiño dos Faros, demostrando que o potencial turístico da Costa da Morte está precisamente na súa natureza, no feito de disfrutala paisaxe paso a paso.

E os 8 concellos adheridos este curso (aos cinco do ano pasado, Camariñas, Corcubión, Muxía, Ponteceso e Vimianzo, únense tres máis, Cee, Fisterra e Dumbría) xa armaron o I Circuito de Carreiras Populares Costa da Morte, propoñen tamén unha serie de andainas, que se celebrarán os sábados en horario de mañá (10:00 – 15:00), agás a de Dumbría que será o día 1 de maio (xoves festivo).

Están pensadas para que poidan participar persoas nun rango de idade moi amplo, dende os 7 anos ata xente maior, e os percorridos varían entre os 10 e os 15 quilómetros.

8 rutas

  • Sábado 5 de abril en Camariñas: ruta circular de 13 quilómetros que transcorre polo interior e pola costa, con fermosas vistas do faro Vilán e da ría de Camariñas.
  • Sábado 12 de abril en Cee: ruta circular de 13 quilómetros que combina os verdes dos montes co azul do mar das parroquias de Brens e Ameixenda.
  • Sábado 26 de abril en Ponteceso: ruta circular de 12 quilómetros que descorre na súa primeira parte pola ribeira do río Anllóns, onde poderemos gozar de paraxes tan fermosos coma a Saímia.
  • Xoves 1 de maio en Dumbría: ruta lineal de 14 quilómetros que discorre por parte do Camiño Xacobeo entre Hospital e Logoso, con final no alto de Miñóns. Tamén visitaremos a Pedra Cabalgada.
  • Sábado 10 de maio en Muxía: ruta circular de 14 quilómetros por monte e camiños costeiros, con ascensión ó mirador do Facho dende onde poderemos contemplar as fermosas vistas panorámicas de Muxía e da comarca.
  • Sábado 24 de maio en Corcubión: ruta circular de 14 quilómetros que nos permitirá visitar o conxunto histórico da vila, o Cabo da Nasa, As Boleiras e Oliveira.
  • Sábado 31 de maio en Fisterra: ruta circular de 10 quilómetros que transcorre polas entrañas da fin da Terra, percorrendo moitos dos seus encantos.
  • Sábado 7 de xuño en Vimianzo: ruta lineal de 12 quilómetros que transcorre pola ribeira do río Grande entre a ponte da Furaqueira e Pasarela para, despois, baixar ata Sabadelle (tramo costeiro do concello) e rematar a andaina en Traba, tras percorrer un fermoso tramo de costa.
Folleto Andainas Costa da Morte 2014

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios