Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O BNG propón invertir o POS 2022 na reforma integral da rúa Doutor Fleming

Rua Doutor Fleming de Corcubion
O BNG propón invertir o POS 2022 na reforma integral da rúa Doutor Fleming

Esta semana houbo unha xuntanza entre os diferentes membros da corporación de Corcubión para estudar as alternativas de investimento do POS 2022. Unha das propostas presentadas chegaba da man do BNG, que propuxo a reforma integral da rúa doutor Fleming. “A proposta tivo o visto bo dos presentes, e agardemos que se aprobe no vindeiro pleno ordinario”, sinala o voceiro do BNG Lois Lado.

”A idea é a de reformar as infraestruturas na súa totalidade rúa por rúa, sempre que o orzamento das axudas o permita, en vez de ir remendando aos poucos con pequenas obras, provocando molestias á veciñanza”, sinalan dende o BNG. Por iso, a obra incluirá a separación de augas pluviais das de saneamento, con reposición do pavimento, quitando o asfalto en toda a rúa.

Lembra o BNG que aínda está pendente a rehabilitación da praza Agra da ribeira, que se sacou a licitación en agosto e está sen adxudicar; ou as obras financiadas co remanente de tesourería a través do crédito extraordinario aprobado en maio do ano pasado, como a Rehabilitación das instalacións deportivas municipais ou a adquisición dos terreos do Trancho, para unir os pasos marítimos de Corcubión e Cee, este último anunciado a bombo e platillo.
”A impresión é que o goberno local ou está desbordado, sen capacidade para executar os acordos aos que chegamos ou simplemente están desganados e pasan de todo”, denunciou Lado.

Comentarios