Martes. 19.03.2024
El tiempo

Camariñas, Fisterra e Corcubión únense á Rede CeMIT para reducir a fenda dixital

Camariñas, Fisterra e Corcubión únense á Rede CeMIT para reducir a fenda dixital
Moito fincaré facemos en QPC polo fomento do uso das TIC na Costa da Morte. I é que seguimos lembrando que a nosa bisbarra é a segunda zona de todo o país con menor incidencia da Internet nas nosas casas. E se loubamos o traballo de concellos como o de Ponteceso, ou de centros como o de Os Muíños, para reducir esa fenda dixital, hoxe traemos unha nova que nos chega dende a Xunta, malia que con algo de retraso. I é que os concellos de Camariñas e Fisterra veñen de ser adheridos pola Secretaría Xeral de Modernización no programa da Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), do que Corcubión formará parte nas vindeiras semanas. De feito, aló por novembro xa nos avisaban de que estes 3 concellos recibirían novos axentes TIC, que servirían de mestres para dinamizar as aulas de informáticas dos concellos. Aulas que levan mortas dende o cambio de goberno, dende que a nova Xunta desmantelou a Rede de Dinamización do bipartito. De feito, a proposta da Xunta se centra na contratación dun Axente TIC para impartir cursos de informática, que cobrará un 80% do soldo da man da administración nacional, e o 20% restante da man de cada concello. Pero este investimento por parte de cada concello non debería ser un escollo para solicitar a adhesión, pois é un xeito fantástico de desenvolver cursos de informática a todos os niveis para achegar ás novas tecnoloxías a pequenos, mayores, desempregados, persoas con discapacidade….

Obxectivos

A Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ademais de fomentar o uso das TIC entre a poboación con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, tamén promoverá a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrará ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. A Rede tamén difundirá os servizos da Administración electrónica e capacitará aos cidadáns para empregalos.

Colaboración coa Fegamp

A Rede CeMit ten a vocación de achegar os contidos e os servizos tecnolóxicos en igualdade de oportunidades a todos os galegos. Con este obxectivo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron o pasado mes de abril un acordo para difundir, promocionar e potenciar a Rede, co obxectivo de que os concellos se sumen á iniciativa para que o novo modelo acade o maior ámbito xeográfico, institucional e social posible.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta.

Comentarios