O Concello de Corcubión presenta o Plan de Loita contra a Soidade non Desexada

En paralelo á loita polo Centro de Día, o Concello de Corcubión presentou o seu “Plan de Loita contra a Soidade” á Rede de persoas colaboradoras coas que, a partir deste momento, se traballará para detectar e intervir en casos de soidade non desexada.
Na súa presentación, o alcalde Xabier Domínguez Traba agradeceu ás persoas colaboradoras a súa disposición para traballar conxuntamente co departamento de Benestar do Concello nun problema público que está a medrar, e que afecta sobre todo ás persoas maiores.
Domínguez Traba afirmou que “dende o Concello, e a través de programas como este, estase a traballar para mellorar a calidade de vida da cidadanía de Corcubión e para que ninguén se sinta só, programando novas actividades e reforzando os servizos de benestar comunitarios”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar, Pilar Tubío, anunciou que “a partir deste intre ponse en marcha o Plan co obxectivo de mellorar a socialización das persoas en situación de soidade non desexada, e sempre dende o máis estrito respecto á autonomía e a intimidade en cada caso”.
O Plan de Loita contra a Soidade non Desexada do Concello de Corcubión está financiado pola Área de Benestar da Deputación da Coruña, e supón un avance nas políticas de benestar locais, ao actuar de xeito proactivo en problemas sociais de difícil detección a través de redes comunitarias de proximidade.