Unha concentración dos profesionais do mar pola recuperación do servizo médico no ISM de Corcubión

Outro conflito social que sae á rúa. Este sábado 24 de outubro, a CIG convoca a tod@s @s profesionais da Costa da Morte, así como a toda a veciñanza da comarca, a unha concentración contra o posible peche do Instituto Social da Mariña de Corcubión. A cita será ás 12:00h diante do propio local.

Unha problemática que comezaba aló polo mes de agosto cando a baixa do médico, non cuberta, provocou as queixas dalgún dos máis de 1400 afectados, que tiñan que desprazarse ata Coruña ou Noia para realizar os recoñecementos médicos e as revisións de botiquín obigatorias. As inquedanzas no sector aumentaron cando a propia directora do ISM, en conversa ca CIG, deixaba aberta a porta ao peche e mesmo falaba de privatizar o servizo, unha posibilidade que non lle trasladou noutra reunión ante uns alcaldes, pouco belixerantes, que aceptaban unha atención médica a media xornada.

A concentración terá como lema “Non ao peche do ISM. Atención médica xa!” e suporá o inicio dun calendario de mobilizacións que continuará até que se restableza o servizo. Xa que a realidade cada día está máis complicada, e a saturación nos ISM de Coruña ou Noia fai que sexa complicado cumplir coas normas para saír traballar.

O BNG esixe a cobertura

Tamén hoxe o BNG, tanto a nivel estatal, como o BNG local de Corcubión, alzan a voz para esixir a recuperación da cobertura médica. O BNG critica a centralización, e lamenta a “falta de interese” do goberno estatal ante a pregunta que fixo Nestor Rego no Parlamento estatal.

Novas sobre o ISM