Unha concentración dos profesionais do mar pola recuperación do servizo médico no ISM de Corcubión
Outro conflito social que sae á rúa. Este sábado 24 de outubro, a CIG convoca a tod@s @s profesionais da Costa da Morte, así como a toda a veciñanza da comarca, a unha concentración contra o posible peche do Instituto Social da Mariña de Corcubión. A cita será ás 12:00h diante do propio local.
Unha problemática que comezaba aló polo mes de agosto cando a baixa do médico, non cuberta, provocou as queixas dalgún dos máis de 1400 afectados, que tiñan que desprazarse ata Coruña ou Noia para realizar os recoñecementos médicos e as revisións de botiquín obigatorias. As inquedanzas no sector aumentaron cando a propia directora do ISM, en conversa ca CIG, deixaba aberta a porta ao peche e mesmo falaba de privatizar o servizo, unha posibilidade que non lle trasladou noutra reunión ante uns alcaldes, pouco belixerantes, que aceptaban unha atención médica a media xornada.
A concentración terá como lema “Non ao peche do ISM. Atención médica xa!” e suporá o inicio dun calendario de mobilizacións que continuará até que se restableza o servizo. Xa que a realidade cada día está máis complicada, e a saturación nos ISM de Coruña ou Noia fai que sexa complicado cumplir coas normas para saír traballar.
O BNG esixe a cobertura
Tamén hoxe o BNG, tanto a nivel estatal, como o BNG local de Corcubión, alzan a voz para esixir a recuperación da cobertura médica. O BNG critica a centralización, e lamenta a “falta de interese” do goberno estatal ante a pregunta que fixo Nestor Rego no Parlamento estatal.
Novas sobre o ISM
- 09-10-2020: O colapso dos ISM fai peligrar a validez do recoñecemento médico obrigatorio dos mariñeiros/as.
- 28-09-2020: Critican a falta de contudencia dos alcaldes/as socialistas da comarca ante o posible peche do ISM.
- 25-09-2020: A Subdelegada do Goberno recoñece que non se pode cubrir a praza de médico do ISM pero afirma que non se vai pechar.
- 24-09-2020: A directora do ISM non cobre a praza do médico, deixa aberta a porta ao peche e mesmo fala de privatizar o servizo.
- 14-09-2020: ISM e xubilación: O BNG escoita as demandas do sector do mar en Corcubión.
- 09-09-2020: “As respostas que nos dan ante a falta de servizo do ISM son un vacile”.
- 09-09-2020: Novas queixas ante a reiterada baixa do médico e o posible peche do ISM de Corcubión.
- 08-09-2020: Alertan da posible perda do servizo do ISM de Corcubión.
- Agosto 2020: Os profesionais do mar denuncian a falta de médico para realizar o recoñecemento médico obrigatorio.