Xoves. 28.03.2024
El tiempo

“As respostas que nos dan ante a falta de servizo do ISM son un vacile”

A Conselleira do Mar en Corcubion en xullo
A Conselleira do Mar estivo en Corcubión en xullo
“As respostas que nos dan ante a falta de servizo do ISM son un vacile”

A posible perda do servizo do Instituto Social da Mariña de Corcubión está traendo moita cola. Trala queixa dos profesionais do mar aló por agosto, esta semana xa foron os grupos de BNG, Sempre Corcubión, ademais do PP e a CIG os que lanzaban a alarma ante este hipotético novo proceso de centralización nas cidades, que continúa o aberto entre 2009 e 2012 co peche das oficinas de Fisterra, Muxía e Laxe.

Hoxe chegan dúas novas queixas. Por unha banda, o BNG de Camariñas anuncia que presentará unha moción para intentar evitar o peche e ademais reunirase cos patróns maiores de Camariñas e Camelle.

Por outra banda a Confraría de Corcubión quere explicar a súa xestión e preocupación sobre a ausencia de médico na unidade de sanidade marítima. O pósito asegura que durante o estado de alarma estivo realizando actividades que lle corresponderían ao ISM. E explica que mesmo cando se levantou o estado de alarma a entidad “seguía sen prestar os seus servizos correctamente”. O máis grave é a ausencia de enfermeira e médica que realicen as revisións de botiquís a bordo e os recoñecementos médicos imprescindibles para poder saír ao mar.

O pósito chamaba o 22 de xuño á Dirección Provincial da Coruña do Instituto Social da Mariña, xa cando a enfermeira e o médico estaban de baixa médica e de excedencia, respectivamente, e a resposta foi que “estaba sendo difícil cubrir a vacante con substitutos pola falta de profesionais sanitarios en paro”, derivando o servizo á Coruña ou Muros (que está saturada), e facendo a revisión de botiquines de forma telemática.

Ao longo do mes de xullo a enfermeira si volveu ao seu posto de traballo, pero non fixeron o mesmo co médico. Así que a situación é dende entón insostible. Así o souberon na Federación Provincial de Cofradías de Pescadores da Coruña, os sindicatos e mesmo na Consellería de Mar, que organizaron unha reunión con varios patrón maiores sen invitar ao pósito corcubionés, oque xerou unha gran indignación.

”Desde o noso punto de vista, non son admisibles as escusas sobre a problemática laboral do profesional médico que ocupaba o posto, ou que Corcubión está moi lonxe da cidade polo que resulta difícil cubrir a vacante. A caso so haino médicos nas cidades?”, pregúntanse dende a Confraría. “A caso non hai centros médicos nos concellos da comarca ou no hospital de Cee con persoas médicas ou enfermeiras cuxo domicilio está en distintos puntos geográficos? É un vacile as respostas que alegan... véndose claramente o pouco interese en cubrir a praza, o que xera unha gran incerteza sobre o futuro deste centro”, denuncia.

Por iso dende o pósito recalcan que a solución de ir a Coruña non é viable, e que precisamente estes recoñecementos médicos poderían ademais axudar a evitar contaxios de covid. Espera unha resposta urxente para que os barcos non teñan que quedar varados.

Novas relacionadas

Comentarios