Venres. 19.04.2024
El tiempo

A directora do ISM non cobre a praza do médico, deixa aberta a porta ao peche e mesmo fala de privatizar o servizo

ISM de Corcubion
Oficina do ISM de Corcubión
A directora do ISM non cobre a praza do médico, deixa aberta a porta ao peche e mesmo fala de privatizar o servizo

Continúan chegando as queixas sobre o posible peche do Instituto Social da Mariña de Corcubión. Outro novo recorte en clave de centralización de servizos, que obrigaría a máis de 1.400 mariñeir@s e mariscadorr@s de toda a Costa da Morte a realizar os recoñecementos médicos, as revisións dos botiquíns e outros trámites á Coruña ou a Noia.

A semana pasada era o grupo Sempre Corcubión o que presentaba unha moción (aprobada por unanimidade) no pleno para que sexa toda a corporación a que faga público o seu rexeitamento a tal peche, e llo remita á responsable da dirección provincial do ISM, Margarita Pérez Sánchez. O grupo corcubionés pide ademais enviarlle a moción a todos os Concellos implicados (Malpica, Ponteceso, Laxe, Camariñas, Muxía, Cee, e Fisterra) para conseguir a súa adhesión.

Hoxe tamén envía un comunicado a CIG, que reitera as súas críticas ante o posible peche, lembrando que son xa varios os meses que o centro carece de médico, polo que reclama a súa cobertura inmediata. A central solicita que convoque unha oferta pública de emprego en condicións dignas para garantir este servizo.

A CIG emite este comunicado tras manter unha reunión coa propia Margarita Pérez. “A avaliación do encontro non pode ser máis negativa posto que a responsábel do ISM non se comprometeu a cubrir a praza no inmediato e por enriba deixou entrever a intención do organismo de pechar o centro de Corcubión e o de Muros”, denuncia a CIG.

As razóns da directora son as mesmas que as da Xunta para coa sanidade. “Non hai profesionais que queiran ir para este centro”, pero para a CIG, esta situación débese á “precariedade das condicións laborais e salariais neste servizo comparadas coas do SERGAS". De feito, a propia responsábel recoñeceu que hai unha diferenza de até mil euros entre o que paga o ISM e os salarios do SERGAS.

"Parece normal que os/as médicos/as non queiran vir porque cobran menos, teñen peores condicións e pouca estabilidade. Por iso na reunión reclamamos que se saque unha oferta pública de emprego para repor o persoal médico do ISM, en condicións dignas e estábeis, para garantir así a continuidade do servizo e unha atención próxima e de calidade ás persoas que traballan no mar", subliña o secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, quen estivo acompañado na reunión polo responsábel da CIG de Cee, Xabier Santos, e o membro da Executiva local, Lois Lado.

Privatización?

A reunión deixou outra preocupación aínda máis grave. A directora recoñeceu tamén que hai unha proposta por parte da patronal de privatizar este servizo médico, "polo que moito tememos que esta sexa unha das razóns polas que se está deixando deteriorar este servizo público".

Novas sobre o ISM

Comentarios