xoves. 19.03.2026
El tiempo

Corcubión adianta á igualdade

Carreira Violeta en Corcubion
Corcubión adianta á igualdade

Marabillosa acción a convocada pola ANPA Alén do CEIP Praia de Quenxe e o Concello de Corcubión este mércores 18 de marzo. No marco do 8M, a I Carreira Violeta encheu de vida os espazos peonís da Praza de Castelao con máis de 300 persoas e na que o alumnado do CEIP Praia de Quenxe foi o gran protagonista correndo pola igualdade.

A xornada estivo marcada polo compañeirismo, o respecto e a participación activa de toda a comunidade educativa. Durante o evento púxose en valor a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria, nun ambiente festivo no que non faltou a animación co lema: “Que queremos? Igualdade! Para que corremos? Pola igualdade!”.

Carreira pola Igualdade da ANPA Alen en Corcubion

Carreira pola Igualdalde da ANPA Alen en Corcubion 3

A carreira celebrouse nas inmediacións da Praza de Castelao, onde se desenvolveron as distintas categorías: Mini Violeta (4º, 5º e 6º de educación infantil), Pequena Violeta (1º a 3º de primaria) e Grande Violeta (4º a 6º de primaria). Todas as persoas participantes recibiron como agasallo unha medalla conmemorativa do evento.

A rapazada da escola, acompañada por todo o equipo docente e o alumnado da Escola Infantil Municipal,  tivo tempo para pasalo en grande nunha xornada lúdica e educativa, compartir os valores da igualdade e recuperar forzas cun avituallamento aportado por Gadis. 

Carreira pola Igualdalde da ANPA Alen en Corcubion 2

Nas súas intervencións, a concelleira de Benestar, Igualdade e Muller, María do Pilar Tubío Lariño, e a Directiva da ANPA Alén, a través da súa presidenta, puxeron en valor o significado do 8M como unha data clave para reivindicar a igualdade real entre mulleres e homes, destacando a importancia de educar dende a infancia en valores como o respecto, a igualdade de dereitos e de oportunidades e a corresponsabilidade. Nunha mensaxe dirixida especialmente á rapazada, lembraron que “todas e todos podemos facer o mesmo e ter as mesmas oportunidades”. Neste sentido, subliñaron que o obxectivo principal da actividade é fortalecer estes valores e reforzar a unidade da comunidade educativa, agradecendo ademais a implicación das familias, da veciñanza, de Protección Civil de Corcubión e dos servizos municipais.

A xornada rematou cun acto de agradecemento colectivo, consolidando a I Carreira Violeta como unha iniciativa con vocación de continuidade para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Carreira Violeta en Corcubion todas

Comentarios