Corcubión mantén o ritmo de interese con 200 camiñantes nas Andainas Costa da Morte

Mentres os Trasnos andaban por Cantabria expandindo o Camiño dos Faros, a Costa da Morte acollía dúas novas camiñadas. Por unha banda a Andaina Costa da Morte por Corcubión, mentres que Senda Nova armaba unha nova ruta de primavera polas Terras de Soneira.

Andaina por Corcubión

Non decae a atención polas rutas nesta primavera costeira. Este sábado, preto de 200 camiñantes calzaron as botas e percorreron os 14 km da ruta corcubionesa. Unha ruta que combinou patrimonio cultural con natural. Así o comezo deuse polo casco histórico, percorrendo os pazos e os lugares máis emblemáticos da vila de Corcubión, como nos conta, en imaxes, Leo Moreira, membro de Protección Civil de Corcubión, tremendamente volcado con estas rutas.

De aí arrincaron cara o Iglesario, o berce da vila de San Marcos. A subida ata a Redonda foi algo complicada pero como recompensa chegaron as vistas á silueta de Fisterra e o bocata no cabo da Nasa. Comezaba a volta cara o Cabo C e cara a Praza Castelao, onde rematou unha ruta difícil de esquecer, que demostra o potencial corcubionés en materia turística.

Ruta polo cumio das Terras de Soneira

Ata os 566 metros do Pico de Meda, en Zas, subiron o medio centenar de amantes da natureza que se apuntaron á ruta de Senda Nova polas terras de Soneira.

O museo do Liño, o castro de Vilastévez, o castro Pico de Cruz, ou a Mámoa da Mina foron paradas no camiño. Pasaron tamén pola fervenza do Rabiñoso, e disfrutaron de bos momentos con cabalos salvaxes. Ademais, viron pegadas da presencia do lobo na zona.

Vindeira andaina

Pasiño a pasiño imos rematando o camiño… e só quedan dúas xornadas do programa de Andainas Coñece a Costa da Morte. O próximo sábado, día 31 de maio, a saída será por Fisterra para facer unha ruta circular de 10 quilómetros e medio con saída e remate nun sitio tan emblemático como é o faro de Fisterra. Durante o percorrido haberá ocasión de visitar o monte Facho, Mar de Fóra, Igrexa de Santa Mariña das Areas e a Hermida de San Guillermo.

Ademais, a vindeira fin de semana haberá máis citas, como a Ruta con Senda Nova do domingo 1 de xuño “Camiño de Caión”.

Novas relacionadas