Luns. 07.10.2024
El tiempo

Corcubión, ou a illa paradisiaca de veraneo onde desconectar sumerxíndose na arte de pensar

Corcubión, ou a illa paradisiaca de veraneo onde desconectar sumerxíndose na arte de pensar
Analizando a Miro Villar nas xornadas Filosofia para veraneantes en Corcubion- 1 Analizando a Miro Villar nas xornadas Filosofia para veraneantes en Corcubión “Veranear” , segundo a RAE (Diccionario da Real Academia Española) é pasar as vacacións de verán nun lugar distinto ao que se reside normalmente. Por terceiro ano consecutivo, os comprometidos membros da Universidade Cromática das Virtudes de Corcubión, converteron a Capela do Pilar nese sitio distinto onde pasar un verán atípico. A capela foi illa de veraneo paradisiaca, onde, durante cinco días, unhas cento cincuenta persoas gozaron sumerxindose na arte do pensar e chapuzando no intercambio de ideas. A primeira de agosto foi, no centro da vila, unha semana de filosofía para veraneantes constructiva, con récord de participantes activos, creativos e entregados ao debate suxerente. A Cromática, un verán máis, logrou cambiar o foco, abrir o abano de opcións, xerar perspectiva e contaxiar de reflexións a eses que buscan desconectar en vacacións, sexa veraneante chegado de fóra ou veraneante do lugar porque veraneante é, en esencia, quen, no verán, goza do tempo libre, na casa ou fóra. Iso tanto ten, a cuestión é querer, atreverse a cuestionar todo o que nos rodea, atreverse a escoitar voces novas, novas perspectivas. A das Virtudes de Corcubión é a Universidade virtuosa que, comezando agosto, o mes da desconexión por excelencia, do pasotismo, da horizontalidade permanente en toallas globalizadas, logra precisamente iso que todos buscan en vacacións, a evasión. Evasión crítica neste caso, constructiva e compartida. A oferta de lecer crítico todo incluído que ofreceu este ano a Cromática gardaba para a última sesión o prato forte. O venres 3 de agosto, María Bella, Miro Villar e Manuel Sendón sentaron na mesma mesa, con luz baixa, indirecta, que enriquece o exposto e facilita a participación de quen se deixa transportar a espazos íntimos e suxerentes. Bella, Villar e Sendón foron crebeiros de excepción, os “magos entre mareas”, como definiu María, doutora en Coñecemento Curatorial, a quen busca obxectos na costa, a quen espera, ilusionado, que a marea deixe, despois do caos, unha ferramenta de construcción que convirta un obxecto destinado ao esquecemento, nun tesouro particular. Crebas en poesía, en foto e de palabra. A crebeira como unha nova resistencia, como potencialidade, xeradora de perspectiva alternativa ao poder establecido, ao globalizado. Compartindo os tempos, Bella, Villar e Sendón mostraron, recitaron e debateron sobre como o das crebas é unha historia que trascende aos obxectos recollidos, que condiciona á sociedade costeira, que a diferencia e a enriquece. A proxección de fotografías de Sendón, de obxectos sinxelos pousados polo mar na Praia do Rostro, converteron a Capela do Pilar no KM cero das crebeiras, no punto de inicio dunha reflexión colectiva que, coa constante participación dos asistentes, logrou dar tantas interpretacións ao concepto de creba que, ao final, o auditorio enteiro confesou sentirse crebeiro, cada un coa súa busca particular, coa súa interpretación persoal, con motivacións diferentes pero todos, demostrando a tese de Sendón, de que as historias fascinantes das crebas van máis aló dos obxectos mesmos, que as historias fascinantes da Costa da Morte son moitas, si, historias que falan, en esencia, das súas xentes, de xentes dispostas a veranear, como a crebeira, camiñando entre mareas e penedos na procura de novas interpretacións do que nos rodea, filosofando sobre o que somos, o que queremos ser e o que nos deixan ser. A necesidade dunha elecciónde vida crítica estivo en cuestión toda a semana no ciclo de charlas filosóficas na Capela do Pilar. A Universidade Cromática, da man de Bella, Villar e Sendón deron mostra da importancia do poder do colaborativo, do desinteresado, da xenerosidade, da reflexión, do compromiso, do debate, da potencialidade real dunha sociedade comprometida, unha sociedade disposta a dignificar o papel da crebeira, da creba, dun obxecto material destinado ao lixo. O poder da mente de quena topa valor nun pezado de madeira, nun anaco de plástico masticado polo temporal e escupido nunha costa castigada, obrigada, hai anos, a mercadear e case que traficar con determinados obxectos que aparecían nas praias. Bella, Villar e Sendón deron coa esencia do crebeiro que todos levamos dentro. Manuel Sendon Maria Bella e Miro Villar nas Xornadas Filosofia para veraneantes en Corcubion- 1 Manuel Sendón, María Bella e Miro Villar nas Xornadas Filosofía para veraneantes en Corcubión

Unha queimada en feminino plural

A Cromática reivindica o poder do feminino, chama a atención sobre o patriarcado. Durante toda a semana, o tema de xénero estivo moi presente en todas as charlas, nos ponentes e nos que, desde o público, participaban e enriquecían o debate. A filosofía para veraneantes inclúe cambiar os ingredientes, buscar novas receitas de vida, de pensamento, suxerir sobre un novo xeito de facer as cousas, superar o establecido. Como mostra, unha queimada en feminino do plural. A Capela do Pilar, o venres 3 de agosto, foi escenario dun fito inédito, un conxuro innovador, reivindicativo e atrevido, no que partes como “barriga inútil de muller solteira” ou “pecadora língua de mala muller casada cun home vello” desapareceron do recital e deron paso a enunciados igualitarios, onde o papel da muller queda dignificado. Carmen Redonda, con ampla experiencia na elaboración de queimadas, puxo os ingredientes, as medidas e marcou os tempos de preparación e recitou os versos novos que antes modificaran ela e o resto de membros da Cromática. O caldo de herbas foi un éxito, as xornadas tamén. En Corcubión, un verán máis, coa implicación e o compromiso, entre outros de Miguel Vázquez Freire, a Universidade Cromática das Virtudes deixa clara mostra de que outro xeito de facer as cousas é posible.   Queimada feminista

-- Conxuro da Queimada Capela do Pilar, Corcubión. Verano de 2018 III Encuentro de Filosofía para Veraneantes

--

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas Demos, trasgos e diaños, elementais desprezados das nevoadas veigas. Corvos, píntegas e meigas, feitizos das sabias menciñeiras. Nutritivas cañotas furadas, fogar dos vermes e limpiadoras alimañas.

Lume das santas compañas dos ancestros que nos acompañan. Lembranzas dos que no están Forzas vivas da Naturaleza Gaia Berros de dor dos seres sentintes

Levantaránse as bruxas, ancestras de liberdade para contarnos a represión da súa verdade. Oíde, oíde os cantos que fan as que abenzoan o lume que quenta os fogares quedando así honradas.

Palabra de muller, semente do novo mundo Que este lume nos de forza e empodere os nosos desexos aqueles que sempre estiveron distantes das decisións do poder. Ventre de muller, cuna do pasado, do presente e do futuro que este lume avive en (todos) nós o que aínda queda de beleza no mundo.

Forzas do ar, terra, mar e lume a vós facemos esta chamada e vos invocamos a sumar as vosas forzas a a este desexo común de sermos máis libres.

 

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/corcubion-enche-a-capela-do-pilar-de-reflexions/

Fonte

Comentarios