Corcubión reformula a súa relación co mar a través das ondas

A relación da cidadanía de Corcubión, Cee e Fisterra co mar e coa pesca, as fórmulas para lograr un turismo sostible e desestacionalizado ou o impacto da enerxía eólica na paisaxe poden ser algúns dos temas a abordar dentro da iniciativa Onda ODS.
A emisora municipal de Corcubión, a radiONeria, vén de sumarse a este proxecto a través de Emisoras Municipais Galegas. Nunha reunión celebrada entre o alcalde de Corcubión Xavier Dominguez “Drok”, o coordenador de Radio Neria Toño Casais e o secretario de EMUGA Henrique Sanfiz definiuse a implementación dunha metodoloxia participativa para a selección da prioridade temática dos pódcast que se levarán a cabo dentro da iniciativa.
Así, organizarase en Corcubión un coloquio público con participación do tecido asociativo, comunicadores e xornalistas. A temática xirará en torno aos puntos que decida o movemento cidadán.
Nas vindeiras semanas decidiráse igualmente as datas de celebración e o lugar elexido. O compromiso do proxecto xira arredor da loita contra a pobreza, a desigualdade, a crise climática e ambiental. Tamén pretende pelexar contra a precariedade e promover os coidados na sociedade.
En Onda ODS participan EMUGA, EMA-RTV, La Xarxa de Catalunya e a ReMC. Conta coa colaboración do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.