Martes. 16.04.2024
El tiempo

Corcubión solicita sinais indicadoras do seu patrimonio na entrada da VAC a Sardiñeiro

Corcubión solicita sinais indicadoras do seu patrimonio na entrada da VAC a Sardiñeiro

Iniciativas coma estas son as que demostran que a interacción do Concello de turno para coas administracións é necesaria.
A nova Vía de Alta Capacidade, á altura de Lobelos, en Cee, na rotonda de Lar que separa a VAC cara Sardiñeiro, esquece a vila de San Marcos nas súas sinais. A apertura da estrada parece inminente e dende o Concello corcubionés non quere que se abra sen unha indicación clara de "Corcubión. Vila histórica".

Dende o Concello de Corcubión queren manifestar a súa preocupación pola repercusión que pode ter no turismo do municipio, un dos sectores económicos máis importantes na vila. E o fan enviando un escrito á Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestructuras, solicitando paneis informativos antes das rotondas de Lobelos e Sardiñeiro onde se informe da condición de Corcubión como "conxunto histórico artístico" (1984) e "municipio turístico galego" (2000).

Solicitan así uns paneis informativos á beira da estrada e na nova rotonda de Lobelos, na que conste, ao pé dunha imaxe co nome de Corcubión a lenda ”Conxunto Histórico Artístico e Municipio Turístico Galego”.

Un concello histórico e con historia

Dan argumentos claros dende o Concello, como que Corcubión é cabeza de partido xudicial e concentra a maioría dos servizos administrativos da comarca, segue vivindo da pesca e o marisqueo mais tamén da industria e a construción mais sobre todo do sector servizos, principalmente relacionado co turismo, que ocupa o 70% da poboación activa.

Na década dos sesenta a vila recibe varios galardóns que premian a súa pulcritude e beleza destacando o premio estatal concedido polo Ministerio de Obras Públicas en 1964. En 1984 a vila foi declarada “Conxunto Histórico-Artístico” e no ano 2000 “Municipio Turístico Galego” pola Administración galega. Nos últimos anos, un auxe do turismo atrae á vila señorial de Corcubión a visitantes de todo o mundo.

Todas estas declaracións indican o enorme patrimonio cultural que posúe Corcubión, que ademais do xa reseñado conta con gran cantidade de exemplos de arquitectura popular, como son as cabaceiras ou hórreos, os muiños, pombais e cruceiros.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Corcubión.

Comentarios