O corcubionés Manuel J. Tello León ingresa na Real Academia das Ciencias
Naceu e se criou en Corcubión. Fillo, xunto cos seus tres irmáns, do último xerente da Compañía de Carbones de Corcubión, segue a ter unha clara vinculación coa vila de San Marcos. Manuel J. Tello León (Corcubión, 1944) vivirá hoxe martes un evento moi especial, co seu icomo académico na Real Academia Galega de Ciencias. Farao no marco da apertura do curso académico 2022, que celebrará no Pazo de San Roque de Santiago, e será un dos protagonistas xunto a María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero e Ángel Sanjurjo.
O evento retransmitirase a partir das 18:00h a través da canle de YouTube da RAGC
CV
Tello León é licenciado e doutor en Física pola Universidade Complutense de Madrid, considerado o impulsor dos neutrones. Catedrático de Física nas Universidades de Granada e do País Vasco (UPV/EHU), foi director do Departamento de Física e de Física da Materia Condensada da UPV/EHU, decano da Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da UPV/EHU, e vicerreitor do mesmo centro universitario, así como director do Instituto de Ciencias da Educación da UPV/EHU. Tamén foi viceconselleiro de Tecnoloxía e Estratexia Industrial do Goberno vasco. Ademais, foi profesor en catro Escolas Internacionais (Coimbra, Cambridge, Sitges e Valencia) e catro universidades de verán: UPV/EHU, Menéndez Pelayo, Rey Juan Carlos e Complutense de Madrid.
En termos de investigación, foi o creador dun Laboratorio de Ciencia e Tecnoloxía de Materiais onde comezaron a súa formación científica un importante número dos actuais líderes científicos do País Vasco. Dirixiu 32 teses de doutoramento e foi director de 32 proxectos de investigación en ciencia fundamental, ciencia aplicada e en tecnoloxía.
Leva enriba 122 comunicacións e conferencias en congresoso nacionais e internacionais, e ten ao seu nome 148 publicacións, fundamentalmente en revistas internacionais. Emitiu máis de 30 informes confidenciais con resultados de investigación para empresas e administracións e unha patente en proceso sobre microlimitadores de corrente baseados en supercondutores de alta temperatura.
É membro de diversas comisións de ciencia, tecnoloxía e ennovación, como a Real Sociedad Española de Física. Recibiu seis sexenios de investigación, seis quinquenios de docencia e máximo nivel na avaliación da axencia vasca de avaliación. Recibiu o Premio de Investigación Xabier María de Munibe en 1996, o Premio de “Física, Innovación y Tecnología” 2010 da RSEF – FBBVA, e o Premio á mellor tese de doutoramento (como director) de 2016 da Fundación Sener.