María do Pilar Tubío e Juan Carlos Cristino relevan a Lois Lado e María Bella no goberno de Corcubión

A concelleira de Cultura, Benestar, Igualdade e Muller, María Bella, como o edil de Obras, Servizos e Persoal, Lois Lado, xa anunciaran ao BNG hai meses a necesidade de renunciar as súas actas. Dimisións que se farán efectivas no pleno que se celebrará o 4 de febreiro.
En ambos casos, os até agora gobernantes hai tempo solicitaran deixar os seus cargos, indicando diversas circunstancias que facían difícil desempeñalos. No caso de María Bella, precisaba máis tempo para dedicarlle a súa ocupación laboral de produción cultural, e pola súa parte Lois Lado ten previsto cambiar de residencia temporalmente.
Para substituír aos concelleiros que deixan o executivo corcubionés, entran con moito ánimo para seguir impulsando a equipa de goberno María do Pilar Tubío, que pasará a levar as áreas de Benestar, Muller e Igualdade; e Juan Carlos Cristino, que se encargará de Cultura e Deportes.
Tanto Tubío como Cristino entrarán nun goberno local no que continúan Francisco Santiago como responsábel de Urbanismo e Medio Ambiente, e o alcalde Francisco Xabier Domínguez, que agradeceu a implicación dos edís saíntes.