O Monte Cambeiro (des)aparece

Continúa o proxecto Terra Creativa xerando iniciativas novidosas arredor da finca Cambeiro, ese monte deseucaliptizado pola sociedade civil corcubionesa que xa se ten convertido no epicentro das máis singulares accións socioculturais.
O próximo venres 21 de xuño ás 19h, o colectivo Azul mais Verde presenta a proposta do artista Diego Vites para o proxecto Terra Creativa co nome (Des)aparecer no Monte Cambeiro.
Durante os próximos días 19, 20 e 21 de xuño o artista Diego Vites convertirá o monte no seu lugar de traballo artístico para desenvolver (Des)aparecer no Monte Cambeiro como resposta a súa experiencia no Parlamento das Cousas.
Unha intervención que dá “continuidade ao diálogo iniciado o pasado marzo por ACHEGA, grupo de investigación en socioloxía e antropoloxía que desde a convocatoria dunha proposta metodolóxica experimental, desde un “Parlamento das Cousas”, poñia en relación monte e veciñanza, obxectos e comunidade, memoria e futuro para facérmonos mirar o monte que fumos e reflexionar sobre o monte por vir desde un pensamento de esperanza.
Porque o proxecto de Terra Creativa “propón xustamente regresar ao monte a partir da posta en diálogo entre as formas de pensar e facer das ciencias medioambentais e sociais coas artísticas.
Durante estes tres días de estancia de Diego Vites no Monte Cambeiro calquera veciño ou veciña que teña curiosidade pode pasar a visitalo para coñecer o desenvolvemento da interveción artística que será presentada e situada en distintos puntos do monte o día 21 ás 19h. Será unha presentación aberta á veciñanza na que ademais haberá albaroque para celebralo. Asemade, o día 20 esta programada unha visita durante a mañá do alumnado do CEIP Praia de Quenxe que colaborou no parlamento e así coñecer o traballo de Diego Vites