Novas queixas ante a reiterada baixa do médico e o posible peche do ISM de Corcubión
Hai un mes eran os profesionais do mar os que lanzaban a alarma. Onte eran os grupos do BNG e Sempre Corcubión os que alertaban do posible peche do servizo do Instituto Social da Mariña de Corcubión. E hoxe son a CIG e o PP os que tamén alertan da perda dun servizo utilizado por máis de un milleiro de profesionais do mar de toda a comarca (dende Malpica a Fisterra, pasando por Corme, Laxe, Camariñas, Camelle, Muxía e Corcubión) que agora terían que desprazarse á Coruña ou a Muros, se non é que acaban pechando tamén o centro muradán.
En realidade os profesionais xa levan dous meses tendo que desprazarse á Coruña pola falta de facultativo no centro corcubionés.
O PP de Corcubión considera o hipotético peche un “novo varapalo” para “unha comarca que xa está sendo gravemente prexudicada coa incautación dos remanentes municipais ou a modificación da normativa de Costas que pon en perigo centos de postos de traballo nas piscifactorías da zona”.
Ademais, critica que “o silencio dos regidores failles cómplices das decisións dos seus xefes de Madrid e, polo tanto, responsables de darlle as costas aos veciños da comarca e os seus problemas”.
A CIG céntrase en recuperar o servizo
Mentres, a CIG centra a súa crítica en que o servizo médico está sen persoal facultativo dende hai case dous meses, polo que pide que se cubra a baixa do médico de inmediato. Xa realizaban esa petición a finais de agosto e agora volven facelo publicamente.
Lembran que “os centros provinciais e locais de sanidade marítima do ISM levan a cabo funcións preventivas e neles realízanse de maneira periódica os recoñecementos previos ao embarque dos traballadores/as do mar co fin primordial de garantir que as condicións psicofísicas do mariñeiro sexan compatíbeis coas características do posto de traballo e non supoñan un perigo para a saúde, seguridade e equilibrio do resto da tripulación". Ademais, nestas instalacións ofrécese formación sanitaria específica, fanse vacinacións e revisión de botiquíns, estudos epidemiolóxicos e o seguimento dos procesos patolóxicos dos traballadores e traballadoras do mar.
Por iso, a CIG subliña que a non cobertura desta praza "pon en grave risco os mariñeiros da zona, ao non realizarse as funcións eminentemente preventivas".