sábado. 14.12.2024
El tiempo

Pablo Jarauta reflexiona sobre a maxia dos mapas en Corcubión

Pablo Jarauta e os mapas
Pablo Jarauta reflexiona sobre a maxia dos mapas en Corcubión

Trala boa acollida da primeira sesión cultural con Arturo Franco, a nova área de Cultura do Concello de Corcubión segue deixándonos ver onde van ir os tiros nesta nova etapa.

Este xoves 24 de agosto na Capela do Pilar ás 20:00h, terá lugar a segunda cita do programa A Maxia da Cultura, e desta volta será con pensador Pablo Jarauta, nado en Murcia é Doutor en Filosofía pola Universidade de Murcia. Este experto en mapas e utopía axudará a indagar sobre as "formas de compartir a nosa relación e os nosos vínculos coa vila de Corcubión".

Trae a presentación “O horizonte dos mapas”, unha reflexión sobre a natureza dos mapas a partir de varios exemplos da historia da cartografía, "inscribíndoos no mundo global e complexo no que habitamos e convidándonos a pór en funcionamento as seguintes cuestións: qué son os mapas? para que serven? como se constrúen?... cuestións que terminan por revelar un horizonte máis amplo no que emerxen conceptos como a memoria, a paisaxe, a identidade, a comunidade e a relación co mundo".

A concelleira de cultura María Bella explica o programa: "A Maxia da Cultura é un programa de longo percorrido propio do concello que nos propoñe ollar a cultura como unha sorte de aliada para imaxinármonos futuros, abrírmonos camiños inexplorados, transformar o presente ou incluso cambiar o noso entendemento do pasado. Á vez tenta interconectar temáticas e preocupacións propias das distintas áreas de acción do goberno".
 

Comentarios