Por un San Pedro Limpo: “O costume hexemónico do botellón que deixa todo cheo de lixo ten que empezar a desaparecer”

Celebrouse onte o San Pedro da Redonda, no Campo de San Roque de Corcubión. E o Concello de Corcubión instalara preventivamente 12 contedores grandes, mesmo de vidro, poñendo ben en grande varios carteis e sinais co lema “Por un San Pedro limpo”.
Pero a festa, como vemos nestas imaxes, ficou lonxe de ser un evento respectuoso coa contorna, e o campo quedou asolagado de plástico.
Evidentemente non é un caso illado, estamos falando dunha lamentable práctica que sofre a sociedade actual, onde cada festa acaba mergullada nun mar de lixo. Que llo digan ao San Xoán coruñés e a súa sufrida praia do Orzán. Pero por Corcubión “non queremos ser cómplices, e non queremos quedar calados. Queremos poñer o debate nas rúas e poñer limitacións a estas atrocidades”.
Así fala o indignado Francisco Santiago López, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, de Corcubión. “A verdade é que estamos disgustados coa actitude do botellón, de acodir a unha festa e deixar todo cheo de lixo”, apunta. “Creo que é un tema educacional, unha das consecuencias da educación cortopracista da nosa sociedade consumista e capitalista, por iso creo que temos temos que actuar para cambiar este costume hexemónico”. “Como concello, e como BNG temos que empezar a cambiar este modelo a través da educacion e a convivencia”, explica.
Dende o Concello están barallando facer moitas cousas, como modificar ordenanza de festexos, e implicar as Comisións de festas na limpeza e na promoción dunha festa máis respectuosa co medio ambiente. Así, na reunión de Concellerías deste martes, tratarán o tema en profundidade pensando nas vindeiras citas: o Carme e o Mercado Medieval.