ELECCIÓNS MUNICIPAIS
“Sempre Corcubión” revoluciona o panorama electoral de cara ás municipais
Parecía que estas eleccións municipais do vindeiro 26 de maio volverían ser unha loita entre os Montescos e Capuletos de Corcubión. PSOE e BNG volverían pelexar pola alcaldía dun concello en estado de coma. A parálise municipal é xa un costume, tanto dende o goberno como dende a oposición, e de aí a necesidade de crear novas alternativas.
Alomenos así o entende Alfredo González que vén de presentar a nova candidatura. Unha lista que sairá si ou si, co nome “Sempre Corcubión”, sempre que chegue a tempo o “papel” de aprobación do novo partido dende o Ministerio de Interior. De non ser así, xa teñen feito unha toma de contacto cun partido político a nivel galego, para ir baixo o seu paraugas.
Alfredo, que foi teniente alcalde e mesmo alcalde acccidental, na época do BNG de Rafael Mouzo, ten claro que a súa irrupción vai provocar unha revolución. ”Esto, sen dúbida, vai provocar unha nova configuración política en Corcubión". Á pregunta de se contan con saír cunha participación real despois dos comicios, é rotundo. “Por suposto. Temos seguro que sairemos, porque temos a mostra de que a xente ten gañas de cambio. Non o dicía abertamente ata que aparecemos nós, e agora xa se están achegando para darnos o seu apoio e mesmo directamente nos chegan a ofrecer o seu voto”.
Xa superaron o primeiro reto, facer unha lista, e non é para nada doado nunha vila como Corcubión de apenas 1.600 habitantes con outras 4 listas xa formadas (PSdG, BNG, PP e PACOR). Xunto a Alfredo González, estarán na lista (aínda non rematada), xentes como David Blanco, Miguel Pet, Susana González Santos, María Caamaño, María Jesús Domínguez, Manuel Ángel Abelló, Juan José Palazón…
Agora, afianzan esa candidatura independiente e “inclusiva”, fai fincapé Alfredo, onde “todos os veciños se sintan implicados”. “Tratar de conseguir unha transformación de cara ao futuro de Corcubión, con xente traballadora, pensando nun programa de catro anos dende o enfoque inclusivo e en positivo, intentando reverter a imaxe negativa que se intenta meter na prensa do noso Concello”.
Con altura de miras, Alfredo recoñece que pretenden tamén trascender as fronteiras de Corcubión, “facer accións como mobilizar a Mancomunidade, que está durmida”.
En vindeiras datas farán unha presentación oficial coa lista oficial, e coas liñas de traballo máis concretas.