Luns. 16.09.2019
El tiempo

MESTRE MATEO

Marta Doviro: "Fai falta incrementar a presenza de mulleres en departamentos coma o de Guión, Son, Iluminación e Dirección"

Marta Doviro: "Fai falta incrementar a presenza de mulleres en departamentos coma o de Guión, Son, Iluminación e Dirección"

A Academia Galega do Audiovisual entregará este sábado na Coruña os Premios Mestre Mateo 2019. No podio hai varios nomes ligados á Costa da Morte, ou con raíces nela. Un deles é o de Marta Pérez Torre (Santiago de Compostela, 1984), máis coñecida como Marta Doviro, quen viviu en Muxía desde o tres ata os dez anos. "Foi un tempo fantástico", lembra con ledicia a presentadora.

  • Que vínculo tes na zona?

Fomos vivir a Muxía polo traballo do meu pai, foi médico da zona. A meus pais gustoulles tanto a Costa da Morte que decidiron mercar unha vivenda en Corcubión para pasar os veráns e ramatamos vivindo alí tamén. Non teño familiares alí, pero si moitos amigos.

Recordo pasar tardes enteiras xogando por tódolos recunchos da vila, desde a praia do Coído ata o santuario da Virxe da Barca

  • Criácheste entre Muxía e Corcubión. Que recordos gardas da túa infancia na Costa da Morte?

En Muxía vivín desde os 3 ata que tiña 10 anos. Recordo pasar tardes enteiras xogando por tódolos recunchos da vila, desde a praia do Coído ata o santuario da Virxe da Barca. Ir coller caramuxas coas amigas, montar tenderetes  nunha praciña e vender xoguetes vellos, percorrer as rúas en bicicleta... En Corcubión pasei unha adolescencia  xenial, os primeiros amores, as primeiras saídas nocturnas polas festas do Carme e San Marcos, o instituto en Cee... Foron uns anos fantásticos.

  • De onde vén o teu nome artístico?

Viro era o alcume do meu visavó  por parte paterna. Meu avó era da Serra de Outes, seu pai procedía dunha aldea próxima chamada Viro polo que na Serra e arredores  toda a familia era coñecida coma Os Viros. O típico de: “ E ti de quen vés sendo? Pois son dos Viro”. Eu quíxenlle  facer unha homenaxe ao meu pai e ao meu avó e de aí xurdiu o meu apelido artístico “Doviro”, todo un orgullo para min.

  • Es diplomada en Deseño de Produtos. Cando e como comezas no mundo da comunicación?

Pois todo comeza cando era cativa co soño de ser actriz. Apunteime a  clases de teatro na escola, no instituto e na universidade. Logo comecei con cursos ante a cámara, curtametraxes e por fin os primeiros castings. Sempre  compaxinando cos estudos e traballo. Un deses castings era para presentar un programa sobre festas galegas, presenteime e colléronme, era o ano 2011. E ata agora.

  • Que foi o que che atraeu da tele para entrar no seu mundo?

Realmente o que me atrae é a profesión en si, gústame comunicar tanto a través da miña faceta como actriz como coa de presentadora. A televisión permite que o teu traballo chegue a moita xente e iso é marabilloso porque ese é o obxectivo, que a túa mensaxe chegue ó público.

  • Moitos de nós fixémonos coa túa cara no programa ‘A mochila  do viaxeira’, no que viviches en primeira persoa a emoción das principais festas galegas. Que cousas descubriches nesta etapa como viaxeira televisiva?

Descubrín Galicia! Tiña viaxado pola nosa terra pero este programa abriume as portas dos lugares máis emblemáticos da nosa xeografía, que son máis dos que cremos, pero tamén de grandes xoias paisaxisticas, culturais e históricas que están máis agochadas. 

Coñecer tantos lugares e xentes de Galicia grazas ó meu traballo é un privilexio

  • Aventureira incansable e curiosa, tamén pasaches polos programas ‘Feirantes’, ‘Gastrópodos’, ‘Máis Galego’ e ‘Unha viaxe para contar’, entre outros. Todos eles déronche a oportunidade de atoparte con xente e lugares únicos de Galicia. Considéraste unha apaixonada da nosa terra?

Considérome unha afortunada  e por suposto apaixoada, ter a portunidade de coñecer tantos lugares e xentes de Galicia grazas ó meu traballo televisivo é un privilexio.  Puiden vivir cousas que doutro xeito sería case imosible, como por exemplo darlle corda ó reloxo da Torre da Berenguela da Catedral de Santiago, ou acompañar a un mozo mentres se vestía de Peliqueiro en Laza, todo un ritual na súa casa;  ou ser das primeiras en pasear polos balcóns e torres da catedral de Lugo antes de abrirse ó publico...

  • Ademais de presentadora, tamén es actriz. En que formato te sentes máis cómoda?

A miña paixón é a interpretación, desde  cativa sempre me tirou, recordo o meu primeiro papel de pastor na función de Nadal da escola. Pero o de ser presentadora  foi todo un descubrimento que chegou de sorpresa  e encántame, poder compaxinar  as dúas facetas , é toda unha sorte.

  • Optas ao Mestre Mateo na categoría de Mellor Comunicadora por ‘Unha viaxe para contar’. Un nomeamento que obtiveches xa en dúas ocasións. Cales son as túas vibracións desta vez?

Uf! vibracións moitas, pero dos nervios que me dan só de pensalo!  Non , en serio, faime moita ilusión estar nomeada. É a terceira vez e isto xa é un regalo, que os compañeiros pensen que o meu traballo está entre os catro mellores do ano pois é un premio. Estou moi contenta.

O audiovisual galego ten un gran potencial e profesionais máis que cualificados

  • Ante unha nova edición da gran festa do audiovisual galego, como ves a súa situación?

O audiovisual galego ten un gran potencial e profesionais máis que cualificados. Actualmente está presente en grandes plataformas coma Netflix, nas carteleiras dos cines, en importantes  festivias de cine, etc ...Hai en marcha moitos proxectos galegos que van dar o pelotazo fora das  nosas  fronteiras. Confío en que medraremos coma industria.

  • E a situación das mulleres que traballan no audiovisual galego?

A situación é similar á que hai a nivel nacional. Fai falla incrementar a presenza de mulleres  en moitos departamentos coma o de guión, son, iluminación, dirección...así coma cambiar os roles das personaxes  femininas nas historias, eliminar canons de beleza e ampliar o rango de idade. Gustaríame  que ter unha personaxe interesante aos 60 anos fose unha realidade de moitas actrices galegas, non a sorte dunha afortunada.

  • Xa por último, en que traballas actualmente?

Pois actualmente estou presentando un programa de humor para Tvg chamado “ Malo será”. Imos por teatros galegos actuando en vivo para o público e ó mesmo tempo grávase para emitilo na televisión. Son sketchs de humor representados polos mellores cómicos de Galicia, Federico Pérez, Marcos Pereiro, Lucía Veiga... é toda unha experiencia combinar teatro e televisión.

Comentarios