Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un ano de acción social, cultural e medioambiental da Asociación Boca de Sapo

Un ano de acción social, cultural e medioambiental da Asociación Boca de Sapo
Un ano de Boca de Sapo Un ano actividades da Asociación Boca de Sapo A finca “vai coma un tiro, xa non queda un só colitro en pé”, e pronto comezarán a prantar especies autóctonas. Pero os propósitos da Asociación Boca de Sapo van moito máis alá da realidade forestal do territorio. Así o indica o seu “subtítulo” como “Comunidade Eco-Social e Cultural”. De aí que os temas que están en boca de todos en Corcubión e no resto da Costa da Morte tamén lle afectan directamente. Falamos, xunto cando cumplen o seu primeiro ano en acción, con varios dos seus membros  
  • QPC: Antes de nada. Como vai o proxecto de rexeneración da primeira finca municipal? Criades que ía ser tan rápido acabar con todos os eucaliptos? Cando se poderá comezar a prantar especies autóctonas?
- Francisco Santiago López: ​​Os traballos de tala e roza desenvólvense con certa celeridade aínda que poderían ir máis rápido, pero os recursos son os que escriben a axenda. Aproveitamos o noso tempo libre e contamos coa colaboración do Concello. En xaneiro agardamos empezar os traballos de acondicionamento para sementar un bosque sustentable e produtivo. - Álex López​​: Ben, como ben dixo meu compañeiro a cousa vai bastante rápida tendo en conta os recursos cos que contamos... mais os traballos van adiante entre a colaboración do concello e algunha axuda esporádica dalgunha persoa. Sobre todo vai adiante porque temos moita ilusión en que o proxecto frutifique naquilo que temos na cabeza. Significa moito para nós. Estamos desexando comezar xa o proceso de plantar as árbores autóctonas e dar realidade ao pequeno bosque. Para iso temos pensado de facer actividades co alumnado do CEIP Praia de Quenxe e así involucrar aos máis cativos. Queremos crear vínculo co monte. Que cando medren miren orgullosos para aquilo que fixeron coas súas propras mans. - María Bella: Queremos celebrar que recentemente cortamos o último eucalipto que quedaba na primeira leira na que estamos a intervir. O proceso de deseucaliptización que levamos a cabo foi revelador en moitos sentidos. Primeiro de todo dicir que volvernos a reconciliar coa natureza, coa nai terra, co monte, co territorio, cos ciclos de vida, co orgánico e tamén coa idea de comunidade conmoveunos moito, para sorpresa eu creo que de todos, moi positivamente. Por iso ao min gústame ler o que estamos a facer en clave moi simbólica. Explícome: Cando me incorporei xunto con Martina á asociación, o primeiro lugar de intervención xa estaba elixido, así que non sei moi ben as razóns que levaron aos meus compañeiros para decidirse por ese anaco de terra do concello e non por outro. Puido ser pura coincidencia e, se é así, benvida sexa. En calquera caso, a min gústame sempre ler entre liñas. Non podemos pasar de longo o feito de que nos atopamos intervindo o que foron as orixes de Corcubión, no monte de San Andrés de Canle, falo do s. XII senón antes. Este lugar estivo na memoria de moitos dos habitantes de Corcubión, e máis recentemente, dos que subían alí a xogar ou coa pandilla. Como localización, cada vez que subimos a traballar, chámame a atención, a altura, as vistas ao mar e de súpeto como desde certos puntos case inevitablemente enmárcase a fábrica de Brens, coma se nos mirase; coma se fose testemuña do proceso de desindustrialización que levamos a cabo. Gústame pensalo así. Outra cousa fermosa que pasou foi poder volver a verlle a pel ao monte. Tirar os eucaliptos amosounos o que xa non podiamos nin ver, unha topografía marabillosa: os desniveis, as zonas de pedra que lembran o Pindo, os regos, os carballos... Achegounos tamén aos traballos de coidado e recolección de recursos do monte que viviron os nosos avós e mesmo os nosos pais. Fíxonos ser capaces de pronunciar perfectamente a palabra deseucaliptizar, que ao principio nos parecía un trabalinguas. E para o meu ver, unha das cousas máis potentes, conectounos coa historia dos montes comunais de Galicia, esa propiedade colectiva e inalienable tan característica deste territorio e que en parte, volvendo a esa fábrica que nos mira, quero pensar que para ben, atrasou o proceso de industrialización que noutras partes de España xa tivera lugar. A experiencia deste monte fíxonos invocar centos de veces a palabra e o desexo de comunidade, Non se onde estarían situados os montes comunais da zona, pero teño a intuición de que probablemente esteamos nun deles. - Serxio Iglesias​​: Ao fío do que di María, do interesante vencello coa historia dos montes en man común na nosa terra, a min gustaríame destacar o traballo que estamos a facer entendido como vínculo comunal, fraternal. Ao final, aquilo que se fai co compromiso do ben común, potencia así mesmo os lazos sociais e axuda a xerar comunidade. Entendo que o que está a acontecer en Prado Cambeiro é o inicio dunha longa aventura xuntos.  
  • QPC: Que previsións tendes con outras fincas municipais? Hai moito traballo por diante?
- Francisco Santiago López​​: O Concello de Corcubión conta con 18 fincas da súa propiedade, a meirande parte son recintos pequenos que teñen pouco o nulo aproveitamento, pero hai algunhas que paga a pena rexen​era​r coma na que estamos a traballar agora e que conta con case 2 hectáreas e outra máis que ten unha extensión de 16 hectáreas. De todos os xeitos cómpre que se produza o efecto “contaxio” no que propietarios privados cambien de chip e comecen a trocar a pésima filosofía do monocultivo curtoplacista de especies invasoras por especies autóctonas ou frondosas en xeral. Os castiñeiros, por exemplo poden xerar produción aos 7 anos, (cos eucaliptos hai que esperar ata 12 anos para cortar) e a partir de aí todos os anos tes produción (cos eucaliptos hai que esperar ata 12 anos). Tamén hai outras especies, coma as nogueiras, que teñen moitas posibilidades a medio-longo prazo, baixo o manto das frondosas poden medrar cogomelos, pódense plantar froiteiras... deste xeito prodúcese unha cadea de aproveitamento do monte máis sustentable no tempo, unha vez se consoliden os ciclos naturais. Por todo isto temos un traballo importante por desenvolver. Hai xa propietarios que preguntan como poden facer para mudar os seus cultivos de eucaliptos por frondosas. Nós estamos dispostos a colaborar en todo o que se atope dentro das nosas posibilidades para botarlles unha man no que precisen.   - Francisco Santiago López:​​ Un centro social sempre será benvido nunha vila, porque todos sabemos que a poboación que temos na Costa da Morte atópase moi avellentada e cada vez hai máis persoas dependentes que precisan coidados especiais e moitas veces conciliar o traballo co coidado dos nosos maiores supón un severo problema social e económico, polo tanto podemos poñerlle un 10 en importancia. - Álex López​​: Un 10 sen lugar a dúbidas. É algo do que viñemos falando xa fai un tempo. A necesidade de servizos sociais para a nosa vila e comarca son imprescindíbeis, máis se cabe cunha poboación cada vez máis avellentada.   - Francisco Santiago López​​: A Xunta ofrece outras localidades, pero estás atópanse a máis de 40 kms, ademais dí que nesta comarca non hai poboación demandante deste tipo de centros. Ben, o primeiro que temos que dicir é que non se debería facer política oportunista con este tipo de servizos, nin con outros, pero no caso que nos atinxe, deberíamos de traballar no sentido de desmontar os argumentos da Xunta de xeito obxectivo e cuantificable, un traballo demoscópico de persoas demandantes por exemplo. Quen o debe facer?...pois penso que todos os colectivos implicados e mailas corporacións locais. A ver o que pasa cando se acerquen as eleccións municipais, supoño que tódolos partidos o levarán no seus respectivos proxectos. - Álex López​​: A Xunta traballa por criterios economicistas e de rendibilidade. Criterios que non se deben nunca dar neste tipo de servizos. Ou acaso por vivir na periferia da periferia non temos dereito a este tipo de servizos? Gustaríame que aquí se aparcaran diferencias políticas e que toda a representación política municipal e movementos sociais tirasen todos a unha para acadar este servizo, repito, imprescindíbel. Nós ofrecémonos dentro da medida das nosa posibilidades e dentro do noso marco de actuación a total dispoñibilidade e apoio para loitar polos medios que sexan. - María Bella​​: Persoalmente descoñezo o detalle de como se foi tratando políticamente o caso do centro de día, pero a enfermidade das infraestruturas fantasma é unha praga nacional da política deste país en xeral e da xestión pésima das políticas e axudas Europeas. Independentemente de se os vellos son os máis necesitados ou non, que soamente habería que ollar as estatísticas de avellentamento da poboación, o que non ten xustificación é ter infraestruturas públicas postizas. Isto é un síntoma que habería que tratar. - Serxio Iglesias​​: Dicía Serrat: “a los viejos se les aparta, después de habernos servido bien”. O conto é que agora non é que fiquen apartados, senón desasistidos, sen leis de dependencia efectivas e por riba sen Centros de atención imprescindibles preto da súa contorna. En Portugal hai un “Lar de idosos” en cada localidade. Claro, hai algo tamén sociolóxico, alí se observa un grande agarimo e o respecto pola nosa xente maior.  
  • QPC: Que beneficios pode traer á comarca a creación dun Centro de Día?
- Álex​​: Non fai falta ser un erudito para intuír o positivo dun Centro de Día dotado de boas e bos profesionais e que sexa un lugar de encontro para as persoas que o utilicen. Con actividades de Terapia Ocupacional que lles axuden a ter mellor autonomía, autoestima etc… - Serxio​​: Ademais, creo que a óptica é velo sempre como beneficio social, como dereito dunha comunidade a ser atendida. Eu mesmo creo que un Centro de día na comarca non é suficiente. Penso que sería necesario un xeríatrico ou talvez, centros de atención permanente, non só en horario de día. En Corcubión, a Casa do Concello paréceme un lugar ideal para ese fin.   - Paco​​: De vital importancia para rexenerar o centro da vila. Marcará un antes e un despois no trazado da nosa praza, pero hai que completalo con outros inmobles que xa levan tempo en estado de semiabandono. Agardemos que todo se arranxe que xa vai sendo hora. - María​​: Coincido en que ese solar así era case unha vergonza tanto polo aspecto que tiña e que daba á vila, como mesmo o trato á dignidade dun pobo. Así que, paréceme desde logo un paso adiante que por fin se interveña. Agora, o que se bota de menos é un labor desexable de comunicación, consulta e participación cidadá sobre os plans do consistorio respecto das actuacións no espazo público, especialmente no caso duns emprazamentos, que como é o caso do solar do cinema, necesitaron de tanto tempo de espera para a súa intervención. Hai que lembrar que son ademais parte importante da vida e memoria colectiva da cidadanía e ser conscientes de que estas intervencións permanecerán por longo tempo na vila. - Álex​​: Eu persoalmente o que podo dicir é: que non sen tempo... Penso que a praza con esta remodelación gañará moito e a verdade é que está quedando realmente moi ben... Sinxelo e con bon gusto… Sempre opinei que a praza debía ser o escaparate da nosa vila, algo que agora aínda está moi lonxe de realizarse. Opino que debería ser prioridade, xunto co casco histórico, número 1 en política urbanística…  
  • QPC: Que outras actividades tendes pensado abordar nas vindeiras datas?
- Paco​​: Hai moitos proxectos aos que lles estamos dando voltas. No tema da rexeneración do monte temos que traballar aquelas pequenas fincas que podan ser viables para transformalas en fincas de labranza, e rexenerar outra finca de 16 hectáreas. E crear unha aula de natureza ao aire libre na finca que estamos a rexenerar na actualidade. Para iso contamos coa colaboración do Colexio de Corcubión e do IES Fernando Blanco, que xa traballaron con Belén, nun viveiro con diferentes especies, En xaneiro serán os alumnos destes centros os que sementarán o novo bosque. No eido cultural temos pendente unha ofrenda floral a Pepe Miñóns e un orixinal certame de poesia. Tamén queremos recuperar o S. Xoan e as súas “parrandas de S. Xoán e S. Pedro”… - Álex​​: Aí, somos moi ambiciosos e cada día sae unha batería de ideas para facer cousas en todos os ámbitos. Cultura, Urbanismo… Aínda que agora mesmo se nos identifica no eido máis “ecoloxista” pola nosa batalla contra o monocultivo do eucalipto queremos abrigar moitos máis proxectos que irán saíndo pouco a pouco. Hai que ter en conta que somos unha asociación en construción levamos só un ano e aquelo que fagamos queremos facelo ben. Sen présas mais sen pausas. Pisando en firme para non queimarnos, con pequenos mais importantes xestos.... recentemente aprobamos, como non podía ser doutro xeito, a inclusión nos nosos estatutos o rexeitamento á violencia machista, defender o feminismo e o uso dunha linguaxe inclusiva nas nosas actividades e actuacións… O que quero dicir é que queremos ser vangarda, permeábeis a todas as sensibilidades que favorezan un progreso material e intelectual á nosa sociedade. É algo para nós de vital importancia… - Serxio​​: A min persoalmente interésame que aquilo que fagamos teña a incidencia, o foco ben claro. Debemos actuar socialmente, ofrecer espazos de lecer, de historia en común, de transformación do monte, que acubillen no corazón da xente. A aula da natureza que temos pensado realizar ao pé do Prado Cambeiro, podería ser un lugar ideal para celebrar o San Xoán no vindeiro ano. Por outra banda, o carácter máis reivindicativo doutras acción, como podería ser o tema do Centro de día que antes falabamos, ten que ser transversal á actuación política institucional ou de partido. Debemos procurar canles de participación e defensa de intereses comúns. - María​​: É verdade que nisto temos perigo e moitas ganas, disparamos ideas sen freo. Eu mesmo chegaba onte de asistir á presentación dunhas xornadas que se organizaban desde Unha gran burla negra , proxecto que pretende poñer en valor a capacidade de resistencia política e creativa do pobo galego actualizando o que foi o movemento de contestación de Nunca Máis e xa andaba pensando en como sumarnos desde a asociación para lembrarnos tamén como viviu este territorio todo ese movemento. Como dicía un bo amigo, para que algo ocorra hai que imaxinalo.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-xunta-volve-negarse-a-poner-en-marcha-o-centro-de-dia-de-corcubion/ https://quepasanacosta.gal/122599-2/ https://quepasanacosta.gal/comezaron-as-obras-de-acondicionamento-do-solar-do-cine-vello-de-corcubion/ https://quepasanacosta.gal/os-tecnicos-de-servizos-sociais-da-comarca-de-fisterra-trasladaron-a-deputacion-a-necesidade-de-abrir-o-centro-de-dia-de-corcubion/

Máis novas

Comentarios