venres. 24.10.2025
El tiempo

Critican as “expropiacións discriminatorias” para amplación do vial de acceso ao Refuxio de Verdes

ZONA DE CHEGADA A VERDES
Todo o vial de entrada ao Refuxio de Verdes está afectado polas expropiacións.
Critican as “expropiacións discriminatorias” para amplación do vial de acceso ao Refuxio de Verdes

O Concello de Coristanco vén de poñer en marcha a Proxecto de expropiación das fincas afectadas pola ampliación dun vial no lugar da Ervelleira, parroquia de Verdes. Un proxecto necesario para acondicionar a zona de acceso ao fermoso lugar de Verdes, para a que o Concello mercou unha finca na que pretende instalar unha zona de aparcamento e ubicar ademais a EDAR de Ervelleira.

O proxecto, redactado en setembro de 2024, implica tamén a ampliación do ancho do vial, polo que é necesario realizar expropiacións.

Nesta tesitura, os afectados polo proceso de expropiación denuncian “o escurantismo e autoritarismo do alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose”. Primeiro lamentan porque non se informou ao longo do ano aos afectados que se tiveron que enteirar por unha chamada do voceiro municipal do PSdeG-PSOE, José Manuel Pérez Abelenda. Non entenden así que o asunto se tratase, con urnxencia, no pleno deste luns, aprobando o grupo de goberno o plan de expropiacións dentro do proxecto de saneamento.

”Cal é a necesidade de abrir o proceso de expropiación despois dun ano da elaboración do proxecto escondéndolle esta realidade aos diferentes propietarios das fincas afectadas?”, pregúntanse nun comunicado os afectados.

Doutra banda, o propio proxecto sinala que “a expropiación só se realiza nun único marxe do vial, posto que na outra marxe existen construcións tradicionais”. Para os afectados, “esta toma en consideración é totalmente arbitraria e discriminatoria, xa que carece de todo sentido”, polo que se preguntan: “Por que o alcalde non xuntou aos propietarios para expoñerlle o proxecto e tratar de buscar unha solución conxunta, á vez que máis ambiciosa para poñer fin a problemática do tráfico no acceso ao Refuxio de Verdes?”

Críticas do PSOE

Tamén sae á voz pública o PSdeG de Coristanco que critica “a improvisación e o engano do goberno do PP” e critica ter incluído no pleno un proxecto “amañado e fóra de tempo” que non resolve os problemas reais da parroquia de Verdes.

Para o voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, o proxecto presentadon son “obras de escaparate que non solucionan nada”, e critica que “tiveron tempo dabondo para facer as cousas ben, pero agora, a última hora, sácano do caixón só para poder pedir diñeiro á Deputación. Iso non é gobernar, é enganar á veciñanza”, denuncia o voceiro socialista.

O PSdeG acusa o PP de ”gobernar a base de parches e improvisacións, de costas á cidadanía e sen proxecto de futuro”.

Comentarios