luns. 22.06.2026
El tiempo

Vieiro espalla polas escolas unha nova unidade didáctica sobre os vapers

Vieiro dando unha charla escolar
Vieiro espalla polas escolas unha nova unidade didáctica sobre os vapers

A Asociación Vieiro puxo en marcha unha nova unidade educativa centrada na prevención do consumo de vapeo con estudantes de primeiro de bacharelato, titulada “Sen filtro”. A iniciativa, que tivo lugar no colexio CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, incluíu unha charla educativa sobre os riscos asociados ao uso de cigarros electrónicos e outros dispositivos de vapeo.

Esta nova ferramenta educativa pretende responder a unha realidade crecente entre a mocidade, proporcionando información actualizada e precisa sobre os efectos que estas substancias poden ter na saúde. A través de contidos axeitados para a idade, a unidade promove o pensamento crítico e a adopción de hábitos de vida saudables.

Durante a sesión, analizáronse temas como a composición dos dispositivos de vapeo, a presenza de nicotina e outras substancias potencialmente adictivas, os riscos para a saúde e a influencia da publicidade e as redes sociais na normalización do seu uso.

A unidade de aprendizaxe “Sen filtro” combina información, debate e participación activa, co obxectivo de dotar á mocidade das ferramentas para tomar decisións informadas e desenvolver unha perspectiva crítica sobre este fenómeno emerxente.

Esta unidade de aprendizaxe forma parte do programa preventivo que Vieiro implementa nos centros educativos, co obxectivo de proporcionarlles ao alumnado información adaptada á realidade actual do vapeo.

Comentarios