Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova

Imaxe de san Xián, patrón de san Xusto

A cuestión dos marcos e delimitacións das distintas leiras e propiedades dos nosos agros son causa de disputas e desentendementos entre familias e veciños, onde cada un deles intenta aumentar a cabida das súas terras co simple feito de trasladar máis aló os seus marcos. Algo parecido sucedeu, aínda de forma lendaria, co reparto das parroquias de Castro e San Xusto, no concello de Coristanco, coas súas delimitacións. A historia xurdiu de forma oral para explicar a extravagancia que acontece na aldea de Lume da Cova, aínda que nalgunhas Web aparece erradamente a alusión ao lugar de Lume de Suso, onde as casas da parte inferior do camiño, unha minoría, son da freguesía de San Xusto e as da parte de arriba da parroquia de Santa Baia. Así, cando son días de festa nunha ou outra parroquia, nun mesmo núcleo unhas casas reciben aos festeiros, mentres que as outras de diante da porta agardan pola súa romaría, e viceversa. Algo parecido sucede, por exemplo, no lugar da Piña, en Sofán: unha parte pertence ao concello de Carballo, freguesía de Sofán, e outro grupo de casas á parroquia de Vilaño, municipio da Laracha. A liña divisoria está na mesma capela: a sacristía está na Laracha, e o templo en Carballo. 

Pois ben, como os veciños da aldea de Lume da Cova non sabían explicar a súa situación, buscaron a causa da delimitación da parroquia e da colocación dos seus marcos nunha pelexa que tiveron os santos patróns de cada freguesía: san Xián e santa Baia de Mérida. Estando para crear as súas parroquias, acordaron mediante unha rifa coller as casas existentes mediante a pillota; dada unha sinal, cada un deles acadaría as casas que máis lles agradasen. Así foi. Para tal pelexa san Xián calzou unhas botas longas, tal e como se representa na imaxe; en cambio, santa Baia presentouse descalza. Iniciado o preito, o santo comezou a correr máis ca santa, aínda que a súa vantaxe pronto quedou truncada ao verse espetado nun lameiro de tantos que existían por aqueles camiños. Deste xeito, santa Baia pillou máis casas para compoñer a súa freguesía, e san Xián tivo que contentarse coas que ao final da mesma competición lle quedaran na parte baixa da aldea. Aínda que contemporáneos no tempo, xa que foron martirizados no século IV, san Xián e santa Baia non compartiron o mesmo lugar de nacemento nin residencia, nin tampouco chegaron a vir a estas terras; sen embargo, sen ter parte nas faenas humanas e nos problemas territoriais de Galicia, a ambos santos fóronlle asignados os mesmos sentimentos e querenza polo reparto da terra como calquera paisano do noso rural, polo que, pese a que a súa avogacía se estende sobre outras doenzas, ben poderíamos nomear a san Xián e santa Baia como padroeiros do reparto das nosas leiras. 

Máis artigos de Luís Bermúdez