domingo. 29.06.2025
El tiempo

Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio

IMG_20231006_181449
A igrexa de Oza
Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio

Unha das conclusións que se poden achegar sobre as campás das nosas igrexas é que estas son claramente instrumentos ao servizo do culto, que servían e serven como un reclamo para convocar aos fieis ás celebracións e, do mesmo xeito, dada a amplitude do seu son, son un método de aviso para os fregueses ante calquera suceso.

Coa introdución de sistemas eléctricos, moitos dos toques tradicionais das nosas parroquias quedaron relegados á memoria dos nosos maiores, coñecedores do código de sinais oportuno para cada oficio. Por exemplo, en relación á finalidade sagrada das campás, nas tres folgas, é dicir, os tres grupos de toques precedentes á Misa ordinaria, o campaneiro tería que dar trinta e tres toques seguidos coa campa grande, recordando a idade terrea de Cristo, finalizando logo dun curto espazo de tempo con un, dous ou tres toques a maiores dependendo do cuarto de hora que faltase para a Misa. A primeira folga, como se practica en Bergantiños, sería entre a hora e tres cuartos antes da celebración, a segunda na media e, finalmente a terceira, un cuarto de hora previo. Para indicar que o sacerdote estaba coas oracións ao pé do altar, de novo repetiríanse tres toques coa campá grande. A tradición de dar trinta e tres toques non é algo caprichoso, máis ben responde simbolicamente, como vimos, á idade terrea de Cristo e, recordemos ademais, que a campá como instrumento consagrado e bendicido cumpre cunha función exorcística, é dicir, de expulsar e reducir a influencia do Demo. Así, contemplando as imaxes dalgúns santos ermitáns, que vivían atemorizados pola acción do Maligno, portan na súa iconografía unha campaíña no seu caxato, como santo Antón abade, co obxectivo de apartar do seu camiño a Lucifer.

Nos domingos e días de solemnidade sumábase que na véspera, na hora do toque de Ánimas, facíase un prologado repique de campás, indicando aos fieis que no día seguinte terían que absterse de traballar e de cumprir co sagrado precepto de oír Misa enteira. Neses días principais as folgas cambiaban: tocábase en primeiro lugar cada unha das campás existentes na espadana ou torre cun ritmo que ía acelerándose a cada paso, para logo ter un repique con dúas campás ao son da muiñeira. Este repique, de forma máis breve, usábase para cando alzaban as especies eucarísticas xa consagradas: no interior tocábanse as campaíñas e, no campanario, indicábase o momento cume da Misa coas campás maiores.

O toque de Ánimas ou Ángelus, xa que se rezaban tres avemarías e polas Benditas Ánimas do Purgatorio, facíase tres veces ao día (amencer, mediodía e anoitecer) e servía, así mesmo, como espertador, indicador da hora de comer e como toque de queda. Facíase con tres grupos de tres toques cada un, deixando un espazo de tempo intermedio para que os fieis rezasen a oración da avemaría comodamente. Tal e como indica un dos libros do arquivo de Valenza e Cereo, o chamado libro de “Veredas” (1825-1854), concedíanse “ochenta días de indulgencia al que las toque [as campás] y otros ochenta por cada avemaría que recen y lo mismo por cada padrenuestro en las ánimas”.

Outro dos toques era o de defuntos: dous na campá grande e un na pequena para indicar se era home; ao revés se era para muller e, se o defunto era un “anxiño”, un neno ou nena que aínda non fixera a primeira comuñón, facíase a semellanza do home e da muller só que ao final repicábase como se fose día de festa. Iso si, para indicar o día do velorio e do enterro, a chegada ou saída do cadáver da igrexa, pasábanse de toques lentos para o día anterior a rápidos para indicar a proximidade do oficio e da sepultura. Para o párroco ou para a morte dalgún capelán, facíase á semellanza dun home, pero sumábase un toque máis á campá maior, dando tres, seguidos dun toque na campá menor.

Unha das fontes, aparte dos libros de fábrica e a documentación propia de cada freguesía, que máis nos axuda a aproximarnos á feitura dunha campá son as actas notariais. Por exemplo, nos documentos de Ángel de Reboredo de Aguiar, no folio 102 recto do protocolo 3977, do ano 1819, encontramos o contrato da campá de Oza, feito entre o fabriqueiro José Bama, o párroco Ramón García Facal e os campaneiros Joaquín Cagigal e José Antonio de Aza, este último de San Paio de Brexo. A reunión tivo lugar o 10 de agosto na casa da fábrica. Na documentación do notario Andrés Antonio Leal de la Iglesia, folio 70 recto do protocolo 3493, atopamos a contratación feita para Lemaio o 12 de setembro de 1803 con Antonio de Aza Cedrún “maestro campanero y vecino de la ciudad de Betanzos”. Por último, nas escrituras de Luis Ramón Rodríguez de los Reyes, folio 25 recto do protocolo número 3641, sendo cura don Manuel de Morgade, contratouse o 21 de novembro de 1820 con Joaquín Cagigal a feitura de dúas campás para Xaviña. Este último documento indica que Cagigal era un “maestro fundidor de campanas vecino del Valle de Oz, obispado de Santander, provincia de Burgos, residente en la parroquia de San Román de Cabovilaño”. Cagigal debeu de contar cun forno provisional na freguesía de San Román, no actual concello da Laracha, xa que como indican algúns destes contratos, “que la vieja se les conducirá a la parroquia a la parroquia de San Román de Cabovilaño y trasladará a esta la nueva”. Joaquín Cagigal Peredo, tal e como sinala Xosé Troiano, que investigou minuciosamente os fundidores e as campás das nosas parroquias, naceu no Val da Hoz, como antes foi sinalado, o 3 de setembro de 1766, fillo de Andrés Cagigal Arroyo, campaneiro, e Josefa Agüero Peredo. En 1793 casou con Josefa de Aza Gajano na igrexa de Santa María de Toraya, en Cantabria. O seu taller estivo emprazado nalgún momento en San Pedro de Vilar, en Pontedeume, onde residiu coa súa esposa, as súas fillas e xenro, José Antonio Aza Blanco, tamén campaneiro. Troiano apunta varias campás de Cagigal na zona de Bergantiños e arredores: Soandres, Morás, Buño, Castenda, O Briño, Ardaña, Cances, Castriz, Rus, Cabovilaño, Sísamo, Valenza, Seavia...

Nos casos particulares presentados neste artigo, como era habitual na meirande parte das situacións, a feitura dunha campá responde á crebadura dunha anterior, que era reaproveitada para construír a nova. Esta necesitaría “tener buen sonido cuando de tocare para que la puedan oír los vecinos de esta repetidas feligresía” (Lemaio) e que “han de ser de buen metal, temple y buena voz según sus respectivos calibres” (Xaviña).

Unha vez feita a campá, colocada no seu xugo e instalada no seu arco, os mestres terían que ofrecer un ano de garantía para poder cobrar o último prazo económico xa que, se se rompía nese curso “no solo los maestros aquí referidos perderán el último tercio, si no que restituirán lo que tengan percibido y en defecto harán otra”.

  • Luís Bermúdez.

Comentarios