sábado. 05.07.2025
El tiempo

A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes

IMG_20230704_125504
Igrexa de San Xián de San Xusto
A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes

A mediados do século XIX, houbo por parte da curia diocesana de Santiago a intención de suprimir freguesías menores e unilas a outras de maior tamaño, para rematar dunha vez co minifundismo parroquial do seu mapa. Deste xeito, no actual concello de Coristanco elimináronse as parroquias de San Xián de San Xusto, da que se engadiu unha parte á de Castro e Coristanco e outra sección á de Cereo e Valenza; e a de Santo Hadrián de Verdes, agregada tamén á de Cereo. Esta unión foi moi mal tomada polos veciños, no só polos cambios territoriais, tamén polo cambio de titularidade das súas igrexas, que pasaron de parroquiais a ermidas ou santuarios (16 de novembro de 1878). Sen embargo, logo de fortes tensións entre os cregos e os fieis, en agosto de 1879 firmouse un acordo que favoreceu todas as partes, con motivo da visita pastoral a estas terras do arcebispo e cardeal Miguel Payá e Rico. Esta resolución quedou plasmada nos libros de bautizados de Coristanco e Valenza, folios 109 e 179 respectivamente. Aínda que ofrecemos a continuación uns extractos do documento, a cousa quedou deste xeito: a parroquia de San Xusto volvería a ter cultos na súa igrexa, e esta sería atendida polo crego de Castro e Coristanco; a de Verdes quedaría baixo a autoridade do crego de Cereo e Valenza, a quen se lle concedería como premio a metade dos bens da igrexa de San Xusto. Estes bens, no caso do crego de San Paio, quedaron rexistrados nos folios finais do libro VI de bautismos, medidos e taxados polo perito Andrés Vázquez Bello, de Sofán. Grazas a este convenio, todas as partes saíron favorecidas; velaquí o documento citado:

“Considerando el Emmo. y Rmo. Prelado que suprimida en el arreglo parroquial la inmediata parroquia de San Julián de San Justo, agregando a esta de Valencia el templo parroquial, la casa rectoral, la de dos solos vecinos, su iglesario (…) han resultado continuos y graves choques entre los curas de Valencia y Coristanco y los vecinos de San Justo (…) se acordó lo siguiente:1.-Subsistirá la antigua parroquial de San Justo como antes del arreglo, formándola sus antiguos parroquianos, esto es, los que últimamente se agregaron a Coristanco y los agregados a Valencia, quedando esta parroquia íntegra bajo la jurisdicción del párroco de Coristanco. 2.-Como el de Valencia tiene coadjutor para Cereo, (…) esta filial de Verdes queda unida a Valencia y bajo el cuidado y jurisdicción del párroco de esta y de su coadjutor de Cereo, como lo están al presente. 3.-En compensación del mayor trabajo que ocasionará el cuidado de Verdes al párroco de Valencia, se le agrega como contigua a su filial de Cereo la mitad del iglesario de San Justo (…). 4.-Para hacer esta división nombrará cada uno de los párrocos un perito de su confianza. 5.-Desde esta misma fecha quedan concedidas las jurisdicciones completas para cada uno. 6.-Inmediatamente de común acuerdo entrambos párrocos llevarán para San Justo los vasos sagrados y ornamentos que siempre fueron de esta y para Verdes los que de antiguo le correspondieron”.

  • Luis Ángel Bermúdez Fernández.

Comentarios