#8M: “Esenciais e precarias”, o sentir das mobilizacións da CIG en Cee e Carballo

Concentración da CIG polo 8M en Carballo-Foto-RebelionAluminio

Ambiente reivindicativo-festivo e absoluto respecto das medidas sanitarias. Así foron as concentracións que esta mañá a CIG convocaba en Cee e Carballo, coa intención de deslocalizar a loita do #8M e evitar unha manifestación central, e coa necesidade de “non quedar caladas”.

Ducias de mulleres, algunhas das que puideron facer folga, achégaronse á Praza do Concello de Carballo e a Praza 8 de marzo de Cee, para berrar canticos como o “Menos precariedade, máis igualdade”, que reinciden no inxusto papel da muller nanosasociedade: “esenciais e precarias”.

Así o reflicte o complicado seguemento da folga. “Tendo en conta que nos impuxeron uns mínimos totalmente abusivos, a situación real da pandemia da COVID-19 e que houbo unha campaña en contra brutal, para a CIG temos unha sensación moi positiva e que conseguimos visibilizar as nosas demandas, explica Ana Lestón, responsable da CIG Cee da Secretaría da Muller, como traballadora tamén do Hospital Virxe da Xunqueira.


Concentración en Cee

Lestón foi a encargada de ler o manifesto da CIG: “Unha vez máis fomos capaces de xerar unha dinámica propia no país, mobilizadora, axitativa; fronte ao desexo das institucións de intentar reducir a convocatoria do 8 de marzo a unha campaña hipócrita, protagonizada por quen vulnera os nosos dereitos, e reducida a espallar cartaces nas redes, porque se algo evidenciou a pandemia é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise”.

Lestón lembrou cifras sobre a precaria situación laboral, tan graves como que a ”fenda salarial en Galicia é do 20,5%”, que ”o 20,8% das asalariadas tiveron ingresos brutos anuais inferiores a 2750€” ou que “as pensións das galegas foron un 35% inferiores a dos homes, ou sexa, 365 euros menos ao mes”. Temporalidade, xornadas parciais, inestabilidade… son situacións que definen a precariedade laboral da muller.

Coidados

O lema das manifestacións volvía recuperar o do ano pasado, unha vez que a pandemia reincidiu na importancia vital, e o pouco recoñecemento, dos coidados na nosa sociedade. “A pesar de sermos esenciais, segue invisibilizado, oculto, e na meirande parte dos casos, non é retribuído o noso papel”.

Artigos relacionados

Novas sobre o 8M

Crónicas do 8M de 2020