![Na actualiade catro cans e cadelas da Canceira de Carballo están a espera dun fogar]()
Na actualiade catro cans e cadelas da Canceira de Carballo están á espera dun fogar
O
concello de Carballo, a través de
Carballo Limpo e tamén en nome de Servigal, a empresa que xestiona a
Canceira Municipal, quere lanzar un chamamento aos veciños e veciñas respecto da responsabilidade que a sociedade debe ter cos nosos cans e cadelas, nomeadamente con aqueles que son abandonados e están indefensos. Desde a posta en marcha do servizo de adopcións da Canceira en Carballo no mes de novembro de 2012 tramitáronse un total de
125 adopcións, mais tamén seguen a ser moitos os cans e cadelas que se recollen nas rúas decotío.
No verán prodúcense moitos abandonos de animais, moitos deles debidos á chegada de camadas non desexadas, por iso dende os organimos animan aos propietarios de cadelas que non queiran ter crías, que procedan á esterilización destas, para evitar sorpresas e non ter que tomar decisións como as do abandono. A día de hoxe son
catro os cans e cadelas que están á
espera dun fogar na Canceira: Bones, un galgo castaño de entre 1 e 2 anos; Copito, unha caniche branca de entre 2 e 3 anos; Teo, un beagle mestizo macho de tres meses; e Koli, un fermoso mestizo dun ano castaño e branco. Un dos obxectivos principais do servizo é conseguir as adopcións dos cans e cadelas non identificados e que non son recollidos, estes cans poderán ser adoptados dentro de todas as normas legais e sanitarias establecidas e a concesionaria entregará o animal desparasitado, vacinado, con microchip e realizará todas as tarefas administrativas, incluíndo o rexistro no
REGIAC (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compaña) por tan só 50 euros.
Obrigacións
Con respecto ás normas e recomendacións para os posuidores de cans e cadelas, hai que lembrar que é obrigatorio terlle microchip ao can, de tal xeito que cando se atopa un animal extraviado se poida devolver ao seu dono sen grande dificultade. Quen non o teña debe facelo, é importante. A Canceira municipal está situada no parque empresarial de Bértoa, compartindo instalacións co Punto Limpo: "Un can é un amigo, non un xoguete. Se queres ter un, non o merques. Adóptao na canceira e nunca o abandones".
O horario da Canceira é: xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Os teléfonos son o 981 754 917 e 981 704 100 e o enderezo electrónico,
carballo@laceriaservigal.es.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Carballo