A caza do raposo, no punto de mira
Ilustracións de Eres Curioso Mal mes este de xaneiro para o raposo galego. Mentres nas redes sociais atopamos vídeos do raposo achegándose ás vilas por falta de alimento, aló enriba, nos montes, os cazadores sacan a escopeta para disfrutar do que gustan chamar “deporte”. O pasado sábado tivo lugar o XXVI Campionato Provincial de Raposo de Pontevedra nos montes de Cerdedo-Cotobade. Foi só o “pistoletazo” (nunca mellor traído) de saída da temporada de caza, que cada ano, segundo as propias estimacións das entidades procaza, acaba con 12.000 ou 13.00 raposos en Galicia. Despois virá o Campionato Galego, e este ano é posible que Galicia acolla a Copa de España. No citado encontro xa houbo importantes enfrontamentos entre animalistas e cazadores en Cotobade, uns portando pancartas “A morte non é un deporte” e facendo ruído con silbatos e bombos para espantar aos animais, e outros esperando coas escopetas. Mentres o debate segue aberto na sociedade galega. Porque a de caza é unha das Federacións con máis licenzas de Galicia (conta con 40.000, se ben hai poucos anos superaban as 80.000), e a caza utilízase historicamente de xeito electoral. Mentres noutras comunidades a caza está sendo abandonada, os mal chamados “campionatos” están mesmo sendo subvencionados pola Xunta. É aí onde queren centrar os debate as entidades ecoloxistas e animalistas, deixando a un lado a profunda e tamén necesaria reflexión sobre a caza en si mesma: nos campionatos, nos torneos. Son estes os métodos ordenados de control cinexético ante a superpoboación como argumentan uns, ou é “matar por matar” como aseguran os outros? Algunhas, como as amigas costeiras de Eres Curioso téñeno moi claro, como demostran nas ilustracións da cabeceira. Neste caso ata o Colexio de Biólogos enviaba un comunicado á Directora Xeral de Patrimonio Natural preguntando se realmente existe “un estudo sobre a poboación de raposo (densidades, alimentación, capturas por coto, épocas de reprodución...) dentro do terreo afectado pola actuación (…) que permita unha xestión intelixente, eficaz e sostible dos recursos cinexéticos”.
Aliado natural contra a enfermidade de Lyme
Diferentes colectivos, e mesmo o noso biólogo de referencia, Martiño Nercellas lembran que o lobo e o raposo son verdadeiros aliados naturais na loita contra expansión da enfermidade de Lyme, a “epidemia silenciosa” que chega dende o norte de Europa en forma de carracha. O “cazador” de imaxes da natureza, Chisco Lema tamén ten realizado un interesante vídeo sobre o tema.
”Incendios forestais e caza?”
Entidades como ADEGA van máis alá e vinculan incendios como o que acontecía a semana pasada no Cabo da Nave, aos procaza. “Quen se non poden ser beneficiados dun lume, provocado nunha zona protexida de matogueira como esta?”, pregúntanse os animalistas.
Novas relacionadas
- Martiño Nercellas: Os campionatos de caza de raposo.
- A importancia do raposo para erradicar a enfermidade de Lyme.
Máis novas
- Xaneiro 2018: Numerosas entidades da Costa da Morte súmanse ao rexeitamento do Campionato de España de caza do raposo.
- Fotodenuncia: Así anunciamos o comezo da temporada de caza do raposo?.
- A Caza do raposo… sen escopeta.
Outras novas
https://quepasanacosta.gal/conmocion-en-galicia-polos-dous-naufraxios-da-costa-da-morte/