A climatoloxía impediu colgar o cartel de completo


A climatoloxía do mes de agosto impediu que moitos establecementos puidesen colgar o cartel de completo neste mes, que quedou nun 79% de ocupación. Así nolo conta a APTCM, que recoñece que aínda así os datos de ocupación superaron lixeiramente as previsións que situaban a ocupación nun 77%.
Así e todo, en relación ao ano anterior os datos non son moi positivos, mentres que hoteis e hostais pasaron dun 77% no 2010 a un 80% no 2011, o turismo rural tivo un descenso importante, dun 87% a un 78%, se ben o sector muxián colgou o cartel de completo.
No tocante ao número de visitantes, a oficina de turismo que a Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte mantén aberta en Corcubión, prestou servizo no mes de agosto a 4098 persoas, fronte as 2400 do mes de xullo. Destas un 34% estaban de paso por Costa da Morte.
Entre o tipo de aloxamento elixido polos visitantes destacan os hoteis e hostais cun 21% e os apartamentos con case un 18%. Do total de visitantes atendidos só un 7% manifestaron estar aloxados en turismo rural. A estancia media dos turistas tamén foi lixeiramente inferior á do mes de xullo situándose en agosto en 3,5 noites.
A maior parte dos establecementos consultados agardan que na primeira quincena do mes de setembro, se o tempo acompaña, os resultados de ocupación sexan positivos a pesar de que o número de reservas confirmadas a día de hoxe aínda non é moi alto.
A publicación dos datos de ocupación é posible grazas a colaboración desinteresada dos socios da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte.
Novas relacionadas
- Entrevista con Manuel Gago: “O litoral da Costa ten propiedades hipnóticas”.
- O mundo xa saborea Galicia dende Muxía.
- 08-08-11: A APTCM agarda colgar o cartel de completo.
- A APTCM procura alianzas con Neria para sacar adiante o Consorcio de Turismo.
- Hoteis e casas rurais no Camiño non notan tanto a crise.
- O sector hostaleiro de Fisterra tamén está “indignado”.
Fonte
- Nota de prensa da APTCM.